O senador Bernie Sanders expresou nesta segunda feira, 13 de abril, o seu apoio ao que fora até hai unha semana o seu rival ao posto de candidato do Partido Demócrata ás eleccións do vindeiro 3 de novembro á Presidencia dos Estados Unidos, Joe Biden.
"Necesitámoste na Casa Branca. Farei todo o que poida para que iso pase, Joe", dixo Sanders durante unha emisión en directo da campaña do vicepresidente de Barack Obama (2009-2017), na que participaron ambos os dous desde as súas respectivas casas en Vermont e Delaware.
Unity. pic.twitter.com/cZxaRCY8jr
— Joe Biden (@JoeBiden) April 13, 2020
O apoio de Sanders a Biden chega despois de que hai unha semana o primeiro se retirase das primarias demócratas. Unha decisión tomada tras encadear varias derrotas consecutivas. Biden gañou as primarias en Florida, Illinois e Arizona, con 61,9%, 59,1% e 42,8% dos apoios, respectivamente, fronte a 22,8%, 36,1% e 30%, para o senador de Vermont.
Nos días previos a anunciar a súa retirada, a presión por parte do establishment do Partido Demócrata fora en aumento, incrementada polo avance da pandemia, que alterou por completo o desenvolvemento do proceso de primarias.