Os avogados da UE reclamaron hoxe a AstraZeneca a entrega inmediata das vacinas da Covid-19 das súas fábricas no Reino Unido. Unha petición que pode facer rexurdir o enfrontamento entre Bruxelas e Londres pola escaseza na entrega de doses, xusto no día en que o Parlamento Europeo ratificaba por ampla maioría o acordo comercial negociado no Brexit.
A reclamación foi realizada na vista oral inicial no proceso en Bruxelas ─ante a xustiza belga─ polo que a Comisión Europea demandou a farmacéutica anglosueca ante o suposto incumprimento nas entregas acordadas.
O Executivo comunitario acusa a compañía de incumprimento contractual. AstraZeneca négao e considera que o contrato non é plenamente vinculante.
"Demandamos as entregas para finais de xuño e tamén demandamos, con efecto inmediato, o uso de todas as plantas enumeradas no contrato, manifestou ao xuíz o avogado da UE Rafael Jafferali, segundo recolleron as axencias internacionais.
Porén, o avogado de AstraZeneca Hakim Boularbah afirmou que "non hai obrigación a usar as fábricas". No contrato aparecen catro plantas de produción de vacinas, dúas destas no Reino Unido. AstraZeneca entregou á UE doses das fábricas situadas en Bélxica e nos Países Baixos, mais non das británicas.
Ademais, o contrato estabelece que a fábrica localizada nos Estados Unidos "pode servir como planta de entrega de reforzo".
Con todo, o Goberno estadounidense comunicou a Bruxelas que non exportará doses da vacina á UE até que o seu proceso de inoculación se complete.
Acordo comercial
Pouca distancia no tempo e no espazo separaron onte a vista e a ratificación no Parlamento Europeo do acordo de comercio e cooperación entre a UE e o Reino Unido tras o Brexit, fechado na tarde de Noiteboa de 2020 e que entrou en vigor provisionalmente o 1 de xaneiro.
Tras catro meses de supervisión por parte das diferentes comisións parlamentarias, a Eurocámara deu luz verde ao pacto. Os eurodeputados comprometéronse a continuar vixiando que Londres non se desvía unilateralmente do acordado con Bruxelas, malia a recomendación positiva das comisións.
Tests gratuítos
Por outra banda, os principais grupos da Eurocámara reclamaron que os tests para detectar o coronavirus que estean vinculados ao novo certificado da UE para facilitar as viaxes dos turistas este verán sexan gratuítos, porque na actualidade son "prohibitivos" nalgúns Estados.