A ultradereita alemá e o SPD pugnan pola vitoria no Estado de Brandeburgo

As enquisas prevén un triunfo da AfD.
D. Woidke (SPD), líder de Brandeburgo. (Foto: Ilia Yefimovich / DPA vía Europa Press)
photo_camera D. Woidke (SPD), líder de Brandeburgo. (Foto: Ilia Yefimovich / DPA vía Europa Press)

O domingo decorren no Estado alemán de Brandeburgo eleccións rexionais, unhas votacións nas que, coinciden as enquisas, a extrema dereita de Alternativa para Alemaña (AfD) se imporá con arredor de 28% dos sufraxios, facéndose coa segunda vitoria nun territorio teutón en menos dun mes logo do éxito alcanzado en Turinxia, que se converteu no primeiro Estado liderado pola ultradereita no lexislativo desde a fin da Segunda Guerra Mundial.

Con todo, e como no caso de Turinxia, a permanencia do cordón sanitario fai que sexa case imposíbel que logren formar Goberno despois dos comicios.

En todo caso non está descartado que o Partido Socialdemócrata (SPD), que controla o Executivo en Brandeburgo desde a reunificación, logre en última instancia manter a primeira praza tras colocarse a apenas un punto na última enquisa, a efectuada pola empresa demoscópica Forschungsgruppe Wahlen.

Malia que a mediados do verán había unha empate técnico entre o SPD, a Unión Demócrata Cristiá (CDU) e a esquerda antiimperialista da Alianza Sahra Wagenknecht-Razón e Xustiza (BSW) por baixo de 20%, desde ese momento tanto a CDU como a BSW reduciron a súa intención de voto a favor do SPD, o único que podía evitar a vitoria da ultradereita.

A última enquisa outorga 14% dos sufraxios aos conservadores e 13% aos progresistas. Ademais, prevé que as outras dúas forzas que comparten Goberno co SPD en Berlín, os Verdes e o Partido Demócrata Libre (FDP), non alcancen o 5% mínimo exixido para entrar ao Parlamento pola lista dos partidos (as e os electores tamén votan polo distrito electoral). Á vez, sairía do lexislativo A Esquerda, que non é quen de frear a perda de votantes en dirección á BSW.

“Os temas centrais da AfD, especialmente migración, seguridade, dominan a campaña”, indicou o politólogo da Universidade Libre de Berlín, Antonios Souris, que subliña o desexo de “protestar contra a política federal” e contra o Executivo de Olaf Scholz (SPD) como dous dos factores clave dos comicios.

Eleccións en Sri Lanka

Pola contra, nas eleccións presidenciais previstas o sábado en Sri Lanka, a sondaxe publicada esta semana polo Institute for Heath Policy adianta que o 48% das papeletas serán para Anura Kumara Dissanayake, da marxista-leninista Fronte Popular de Liberación, máis de 20 puntos por diante de Sajith Premadasa, da conservadora Unión do Poder Popular. En 2022 protestas masivas levaron á fuxida do presidente Gotabaya Rajapaksa.

Comentarios