A Xustiza dos Estados Unidos avala o pacto con Assange, que fica libre e xa está en Australia

Protesta pola detención sen xuízo en Polonia de Pablo González.
Julian Assange bica a súa parella, Stella Assange, tras chegar a cuarta feira a Australia. (Foto: Lukas Coch / AAP / DPA vía Europa Press)
photo_camera Julian Assange bica a súa parella, Stella Assange, tras chegar a cuarta feira a Australia. (Foto: Lukas Coch / AAP / DPA vía Europa Press)

Na madrugada da cuarta feira, a xuíza estadounidense Ramona Villagomez Manglona, que dirixe o Tribunal de Distrito das Illas Marianas do Norte, un Estado libre asociado a Washington no oeste do océano Pacífico, aceptou o acordo do Departamento de Xustiza con Julian Assange, fundador de WikiLeaks, polo que se declarou culpábel dun delito de espionaxe a cambio de que a sentenza de prisión correspondera ao lustro que pasou nunha prisión británica, quedando desta maneira 
en liberdade
.

“Con este pronunciamento semella que poderá saír desta sala do Tribunal como un home libre. Agardo que recupere algo de paz”, sostivo Manglona antes de suspender a sesión, após a que Assange volveu ao avión que o levara desde Londres para despegar en dirección a Australia, o seu Estado natal.

Tras aterrar en Camberra, a capital australiana, Assange foi recibido pola súa parella, Stella Assange, e o seu pai, John Shipton.

Sen saír do aeroporto mantivo unha conversa telefónica co primeiro ministro australiano, o progresista Anthony Albanese, ao que agradeceu que “lle salvara a vida, e non creo que sexa unha esaxeración”, detallou a avogada do xornalista, Jennifer Robinson.

Assange foi perseguido ao longo de case 14 anos polos Estados Unidos por difundir material que probaba os crimes de guerra cometidos nas invasións de Afganistán e o Iraq.

Pablo González

Asemade, diante do consulado de Varsovia en Madrid protestaron a cuarta feira varias asociacións de xornalistas pola detención sen xuízo do xornalista vasco Pablo González en Polonia, país membro da Unión Europea, hai máis de 850 días.

Comentarios