“O número de queixas que se tramitan na Liña do Galego son moi poucas en relación ás veces que se vulneran os dereitos dos falantes de galego”, valoran desde a asociación en defensa da lingua. A Liña do Galego é un servizo gratuíto que a Mesa pola Normalización Lingüística ofrece aos cidadáns e cidadás de “queixas, consultas e parabéns polo uso do galego”.
A avogada e vicepresidenta da Mesa Elsa Quintas, que encabeza o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, salientou en comparecencia de prensa este sábado que a cidadanía é máis consciente dos seus dereitos lingüísticos no ámbito público e daí que as denuncias sexan máis abondosas. “No sector privado aínda hai moito por avanzar”, engadiu. A Liña do Galego recibiu queixas sobre empresas como Google, Ikea ou Abanca, ademais de sobre El Corte Inglés ou Movistar.
“O obxectivo da Liña do Galego é romper a normalidade e impunidade da exclusión do galego”, explican desde A Mesa, “denunciar, reclamar, actuar son neste momento as únicas ferramentas que ten a sociedade galega, así como animar a actitude de quen cumpre co galego moitas veces sen axuda nin recoñecemento”.
Na mesma comparecencia de prensa, ofrecida en Santiago de Compostela, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, sinalou que, neste 2018, as principais liñas de traballo da organización “irán orientadas a dar unha resposta social máis ampla e efectiva e á proposición e elaboración de alternativas”.
Ademais, A Mesa reforzará o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, cuxa dirección corresponderá á avogada Elsa Quintas e que conta conta coa colaboración dun grupo de xuristas. “Ademais do asesoramento xurídico, o Observatorio seguirá a elaborar informes sobre a situación do galego en diversos ámbitos”, expuxeron, “como os os xa coñecidos sobre a situación do galego nas aulas de infantil ou o informe sobre xogos e xoguetes”. Neste intre, traballa sobre a situación do galego na banca e nos seguros.