A Mesa pide aplicar a ordenanza de uso da lingua galega na Deputación da Coruña

Certos departamentos dependentes da institución utilizan de maneira exclusiva o castelán, chegando até o punto de non facilitar documentación ou atención en galego a pesar de ser solicitada.

deputacion coruña

A Mesa pola Normalización Lingüística insta a Deputación da Coruña a que aplique a ordenanza de uso do galego que a propia institución aprobou.  A petición realízase tras detectar que existen departamentos dependentes da entidade provincial que continúan a utilizar “de maneira exclusiva o castelán, chegando até o punto de non facilitar documentación ou atención en galego a pesar de ser solicitada”.

A Mesa afirma ter constatado que se incumpre o artigo 3.1  da ordenanza na que se expón que todos os servizos de todas as unidades administrativas que teñan relación co público fomentarán o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación de entrada, tanto oral como escrita, practicando a oferta positiva en lingua galega.

Do mesmo xeito, A Mesa afirma ter recibido queixas en relación ao incumprimento do artigo 4.3 que recolle que todos os modelos de documentación da Deputación Provincial da Coruña serán elaborados e difundidos de entrada e prioritariamente en galego, así como do artigo 4.4 que se refire a documentos e acción no cal a solicitude dos interesados, os cidadáns teñen dereito a elixir a lingua na que se dirixen á Deputación provincial.

Para o presidente da Mesa Marcos Maceira, “estas actitudes non deben producirse nunca pero que acontezan nunha institución pública pasando por riba dos dereitos lingüísticos da cidadanía e das propias normas legais aprobadas a nivel galego e provincial, é inadmisíbel” apunta. Valora positivamente a aprobación recente da ordenanza de uso da lingua galega, coa que a institución non contaba até o de agora, así como os pasos dados en materia de promoción, difusión e normalización da lingua galega mais solicita que se axilice o cumprimento efectivo da ordenanza.

Comentarios