“A comparecencia foi ben”. Susana Méndez, secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, conversou vía wp con Sermos Galiza nada máis finalizar a audiencia na Comisión de cultura da Assembleia da República, onde interveu para explicar a situación do galego convidada polo colectivo Galiza Solidária. “Escoitaron e interesáronse polo ensino da lingua portuguesa na Galiza”, manifestou, explicando que na súa comparecencia no Parlamento portugués centrouse en achegar aos representantes dos grupos parlamentares lusos dados sobre a problemática que sofre o galego no ensino, o 'decretazo' ou sobre o incumprimento da Carta Europea. Neste punto, sinala Méndez, tamén se tratou a recepción do sinal da RTP na Galiza.
A secretaria xeral da Mesa afirma que notou durante a súa intervención o “interese” dos representantes dos grupos presentes: PSD, Partido Socialista, CDS e Bloco de Esquerda. “Deixamos os informes e denuncias que presentamos, para o seu coñecemento e para que poidan afondar nas cuestións” expostas.
Ambas as partes dficaron en manter intercambio de contacto e información, confiando en que haxa novas ocasións de debullar estes temas directamente.