Bueu nomea membros honoríficos e predilectos os edís represaliados polo franquismo

O acto de homenaxe e lembranza decorrerá o 5 de setembro e quer honrar os concelleiros da corporación de 1936, asasinados e condenados polo fascismo.

monumento johan_carballeira_bueu
photo_camera Monumento de Johan Carballeira en Bueu

O vindeiro 5 de setembro Bueu acolléra un acto de lembranza e homenaxe aos membros da súa corporación municipal en 1936 e que foron albo de asasinatos e represión a mans dos fascistas. No acto procederase a nomear membros honoríficos e predilectos para os concelleiros Francisco Piñeiro Barreiro, Franscisco Escaneo Franco, Francisco García Villanueva, José Bernárdez Santaclara, Francisco Padín Novas, Ramón González Soliño, Manuel Casaleiro Pereira, José Estévez Villar, José Rodríguez Estévez, Ramón Pastoriza Gestido e Manuel Gutiérrez López, e membro honorífico adoptivo (por non ser nado en Bueu) ao daquela alcalde José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira. Ademais, tamén se fará unha mención especial ao tesoureiro municipal, Ricardo Gómez Buceta, debido ao desagravio público e persoal ao que foi sometido con atentados e mentiras sobre o exercicio do seu cargo, polo que foi acusado de roubo co mero propósito de colocar a unha persoa afín ao réxime no seu posto.

En decembro de 1936 houbo 2 consellos de guerra en Bueu: condenaron a morte a 26 veciños

A homenaxe do 5 de setembro faise en cumprimento do aprobado en pleno en agosto de 2012, atendendo unha petición da Asociación de amigos Johan Carballeira. Ao acto asistirán familiares dos homenaxeados.

En decembro de 1936 houbo 2 consellos de guerra en Bueu, que impuxeron penas de morte a 26 veciñ@s, entre eles o alcalde e varios concelleiros. Ademais, foron paseados 5 veciños (entre eles, 2 edís) cando tentaban fuxir dos calabozos. E o tenente-alcalde de Bueu e o tesoureiro foron paseados cando estaban baixo custodia dos fascistas após a súa detención.


 

Comentarios