Vandalizan con pintadas fascistas o monumento aos asasinados polo franquismo en Redondela

Non é o primeiro ataque que sofre esta escultura, inaugurada en 2021 e que lembra especialmente os 21 homes e mulleres asasinados no Alto da Concheira.
monumento vandalizado fraqbnuista
photo_camera Monumento vandalizado franquista.

En 2021 inaugurábase no Alto da Concheira de Redondela un monumento aos asasinados e represaliados polo franquismo neste concello da comarca de Vigo.

Ao longo destes dous anos, esta escultura, feirta pola Escola de Canteiría de Poio, que lembra especialmente os 21 homes e mulleres asasinados nese lugar foi atacado en diversas ocasións.

A última delas, nas últimas horas, cunha pintada de “¡¡¡Franco!!!” e o símbolo Vítor, que rematada a guerra civil foi elixido para ser utilizado no ‘Desfile da Vitoria’ franquista (19 de maio de 1939) e, a partir de entón, durante toda a ditadura franquista, como emblema propio de Francisco Franco.

 Ruta pola violencia da extrema dereita en Galiza

Os ataques da extrema dereita en Galiza nestes anos abranguen diferentes niveis e obxectivos: desde a pintada antifeminista sobre un mural que defende o dereito ao aborto até a brutal malleira a un mozo por ser independentista, pasando polas ameazas contra un concelleiro comunista ou a tentativa de queimar un local social independentista.

En decembro de 2021, por exemplo, varios fascistas mallan e tentan esganar en Vigo un mozo que se lles arrepuxo por retirar a 'estreleira' dun centro social. A inicios de 2019 un grupo de persoas mallaron un mozo independentista en Ferrol ao berro de "rojo, hijo de puta'. En decembro de 2018, un mozo foi agredido en Pontevedra por levar unha camisola coa bandeira galega coa estrela vermella e dous anos antes, en 2016, un rapaz denunciou que unha agresión na Coruña ao berro de “Arriba España”. Precisou asistencia sanitaria e cirúrxica.  As agresións a persoas son os episodios máis graves pero non os únicos da violencia en Galiza por parte da extrema dereita.

A memoria das vítimas da represión franquista é un dos obxectivos preferidos da extrema dereita en Galiza. Nestes anos os ultras españolistas protagonizaron diferentes ataques contra estes memoriais. Exemplos deste actuar con o ataque ao monumento á memoria das persoas represaliadas do Morrazo na Cruz de Maceira, que apareceu en agosto de 2014 pintado coa bandeira española e a aguia imperial e a lenda “los perdedores fuera de España”. As pintadas foron realizadas o día despois da celebración dun acto de exaltación falanxista na Igrexa vella de Mar.

En outubro de 2017 foi atacado en Volta da Moura, Tui, o monumento que homenaxea as veciñas e veciños asasinados polo franquismo. Esnaquizaron a placa que lembraba as vítimas e botaron pintura verde sobre os nomes das persoas asasinadas.

En febreiro de 2011 a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica denunciaba a aparición de “pintadas fascistas” na placa do cemiterio de Lavadores de homenaxe a represaliados polo franquismo. “Non é a primeira vez que acontece”, denunciaban desde este colectivo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios