A CUP descarta unha candidatura unitaria para o 27S con Podemos, ICV, Procès e IU

O deputado independentista Quim Arrufat considera que “non ten sentido” concorrer o 27S con quen “quer gañar as eleccións para xestionar unha autonomía intervida” subordinada “á lóxica política e xurídica do Estado español”.

CUP
photo_camera Acto da CUP

A CUP non partillará candidatura con Podemos, Iniciativa per Catalunya, Esquerra Unida e Procès Constituent nas eleccións do 27 de setembro. O deputado independentista Quim Arrufat rexeitou a proposta lanzada na última asemblea de Procés, segundo informan medios como Ara ou Vilaweb. “Non ten sentido nin percorrido. A CUP non está nesas coordenadas”, dixo Arrufat. “ICv e Podemos expresaron que o seu obxectivo é gañar unhas eleccións para xestionar unha autonomía intervida”. Defendeu que a CUP, fronte aos que apostan en “frontes de esquerda para ter poder autonómico”, avoga por “un outro marco de soberanía para comezar a gobernarnos nós propios”.

As eleccións do 27S van ser unha “encrucillada” entre autonomía e independencia, argumenta o parlamentar da CUP; que se amosou moi crítico cos posicionamentos que veñen supoñer unha “subordinación política e xurídica ao Estado español”. Arrufat enfatizou que esta posición da CUP non é unha renuncia a construír un “proxecto de ruptura co réxime herdado do franquismo e a transición” con outras formacións. Mais o 27S ten un carácter plebiscitario claro para a CUP e por iso mantén que a independencia debe ser un alicerce imprescindíbel e destacado de calquera candidatura de esquerdas que aspire a unha transformación real.

Diferenzas en Procès: o sector crítico quer ir coa CUP

Na última asemblea de Procés Constituent aprobouse unha folla de ruta para explorar a posibilidade dunha candidatura ampla e non explicitamente independentista para as eleccións catalás, alianza na que estarían Podemos, ICV, IU e Podemos. Esta proposta atinxiu o 73% dos votos, mentres que a proposición do sector crítico – alianza coa CUP e outras formacións nunha candidatura explicitamente independentista- logrou o 22% dos apoios.

Máis en Països Catalans
Comentarios