EU NON DESBOTA USAR A MARCA AGE NALGUNHAS LOCALIDADES

Afíns a Pablo Iglesias dirixirán Podemos nas principais cidades galegas

O novo partido queda en mans dos sectores afíns á dirección estatal na Coruña, Vigo e Ourense. Agora terá que decidir como se presenta ás municipais, ao igual que Esquerda Unida, que convocou para febreiro primarias para posíbeis candidat@s nas “converxencias”, malia que non descarta usar a marca AGE nalgunhas localidades.  

iglesias-podemos-eitb_foto610x342
photo_camera Pablo Iglesias

O sector próximo a Pablo Iglesias dirixirá Podemos na Coruña, Vigo e Ourense, con Isabel Faraldo, José Manuel Prieto e Alfonso Víctor Ferreiro, respectivamente, como secretarios xerais. En Ferrol, a cuarta urbe galega onde se presentou lista achegada ao grupo dirixente en Madrid (Claro que Podemos), a comisión de garantías democráticas analiza os resultados para decidir se houbo irregularidades.

Así mesmo, Javier Lozano Folgueira, de Agora Lugo, será o secretario xeral de Podemos na cidade da muralla. En Pontevedra dirixirá a formación Marcos Fontán Cortizo, da candidatura Pontevedra Pode e en Santiago será Víctor Casas, quen concorreu ao proceso de elección de secretarios xerais nunha lista baixo a denominación Podemos Gañar. A formación non se presentará como tal ás eleccións locais, senón que o fará dentro de “candidaturas de unidade popular”. 

Esquerda Unida

Por outra parte, Esquerda Unida (EU) puxo en marcha o procedemento para elixir os seus candidatos a procesos maiores de converxencia -como poden ser as Mareas- que culminará o 28 de febreiro nun consello político nacional no que se ratificará os resultados da votación do 14 e 15 de febreiro. Este fin de semana, simpatizantes e militantes escollerán tanto a candidatos como a persoa que queren que aspire á presidencia do Goberno estatal por Izquierda Unida, para o que é claro favorito Alberto Garzón.

Segundo indicou o secretario de Organización de EU, Rubén Pérez, a súa formación aposta de forma "decidida" por participar en "procesos maiores de converxencia" alí onde existan, pero sempre condicionado a unha serie de requisitos, como é que as súas decisións sexan "democráticas e horizontais", "sen acordos de partidos polo medio". Dependendo de se se dan estas condicións, nalgunhas localidades poderá acudir xunto a Anova como AGE ou mesmo en solitario.

Comentarios