Anova aposta por “candidaturas cidadás” locais que estean coligadas para as Deputacións

A formación de Beiras e Noriega mantivo unha Conferencia Política na que confirmou que participará nas Mareas pero solicita que estas non se conformen como agrupacións de electores xa que así non poderían entrar nos organismos provinciais.  

anova
photo_camera Anova

Anova completou este sábado en Vigo a súa Conferencia Política Nacional sobre as eleccións municipais de maio, reafirmándose no “apoio decidido á cidadanía organizada como motor da sociedade e, por tanto, ás candidaturas populares que xurdan polo país”. Así mesmo, malia que Anova “non rexeitará ningunha fórmula xurídica, primando así o proceso de confluencia”, a forza que lideran Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega “non ve acaída a creación de agrupacións de electores [que non computan para os organismos provinciais], senón a creación de partidos a nivel local para evitar a fragmentación política e nacional e poder dar a batalla nas Deputacións cunha coalición instrumental”. 

Polo tanto, Anova mantén a súa presenza nas Mareas e fórmulas semellantes, se ben tamén decidiu onte  que “alá onde non se dean candidaturas de unidade cidadá apostaremos por estimular a creación de frontes amplas entre o tecido social e as forzas políticas do espazo de ruptura”. Estas palabras deixan aberta a posibilidade de que as siglas AGE -xa que Esquerda Unida manifestouse nese senso- poidan presentarse nalgunha localidade, se ben a formación de Beiras sempre uniría estas listas á coalición das Mareas que propoñen para as Deputacións. Mesmo afirman que non descartan presentarse como Anova nalgún concello. 

Noutra orde de cousas, a Conferencia Política serviu para "definir uns principios éticos e programáticos mínimos" e tamén para que Beiras e Noriega mantiveran unha xuntanza coa Asemblea Aberta de Coia, á que amosaron o seu apoio perante o conflito que manteñen con Abel Caballero. 

Comentarios