"MATAN MáIS XENTE DO QUE EN PARíS ESES BáRBAROS"

Beiras bate contra o goberno Feijóo: "Quédalle pouco tempo"

O portavoz parlamentar de AGE dixo confiar en que o mandatario galego acabe na cadea como "o seu amigo Marcial Dorado". "É o que lle corresponde", sentenciou. 

Beiras e Yolanda
photo_camera X.M Beiras e Yolanda Díaz [Imaxe SG]

Xosé Manuel Beiras compareceu perante os medios de comunicación na segunda feira (12 de xaneiro) para debullar as iniciativas que o seu grupo parlamentar, AGE, impulsará na Cámara galega no novo período de sesións. Mais o voceiro da coligazón aproveitou a oportunidade para bater contra o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo a quen acusou de ser "incontrolábel" e "o primeiro que tensiona en todos os plenos". 

Unha actitude que comparou coa de Marcial Dorado "amigo" de Feijóo que cumpre condena por narcotráfico e con quen o presidente da Xunta foi fotografado nos anos '90 nunhas imaxes que viron a luz en 2013. "Un xa está no cárrece", acrecentou Beiras, "o outro aínda non, confío en que acabe na mesma situación, que é o que lle corresponde". 

O voceiro de Alternativa asegurou que o goberno do Partido Popular está "a empregar as institucións para borrar do mapa o noso país e convertelo nun mero territorio" através dunha "ideoloxía das máis reaccionarias onde os cidadáns son o inimigo" e impulsada por "un individuo que practica a venda de fume e fariña para narcotizar á cidadanía". 

Porén, o histórico político asegurou confiar en que se tratar dun "goberno ao que lle queda pouco tempo". 

"Matan máis xente eles do que en París eses bárbaros", sinalou Beiras

Na súa intervención Xosé Manuel Beiras criticou especialmente a política sanitaria do Partido Popular e mesmo acusou o goberno galego de matar máis xente que a jihad. "Matan máis xente eles do que en París eses bárbaros", sinalou. Unhas declaracións que caeron como unha xerra de auga fría nas ringleiras do PP e que foron retrucadas polo voceiro parlamentar popular, Pedro Puy. "Semella mentira que un profesor de economía", sinalou, faga unhas afirmacións "propias dun analfabeto absoluta". 

As palabras de Beiras referíanse á loita que manteñen @s doentes de Hepatite C a prol do tratamento de nova xeración que o goberno de Madrid e da Xunta lles están a negar. 

Para alén das súas duras declaracións sobre o goberno Feijóo Beiras e a vice-voceira de AGE, Yolanda Díaz, explciaron cales serán os principais asuntos que centrarán a actividade parlamentar do grupo a partir do mes de febreiro. Neste senso, sinalaron que sentarán as "bases" dun "plan de emprego" e que traballarán a prol da "protección da vivenda" e a "protección social". 

Por sectores, debrizaránse nalgúns dos máis atinxidos polas políticas españolas como o naval e a automoción mais tamén presentarán iniciativas para pular polos sectores primarios. 

Comentarios