Besteiro reclama que a Xunta se "poña as pilas" para que a Galiza "non perda oportunidades" en materia industrial e de emprego

Así o expresou en declaracións aos medios antes de participar na manifestación convocada por CCOO e UXT en Lugo con motivo do 1 de Maio.
O secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, na manifestación con motivo do 1 de maio, en Lugo, coa alcaldesa Paula Alvarellos, e o secretario xeral en Lugo, José Tomé (Foto: Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, na manifestación con motivo do 1 de maio, en Lugo, coa alcaldesa Paula Alvarellos, e o secretario xeral en Lugo, José Tomé (Foto: Nós Diario).

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou esta cuarta feira á Xunta da Galiza "que se poña as pilas" para que o país "non perda oportunidades", especialmente en materia industrial e de emprego.

Así o expresou en declaracións aos medios antes de participar na manifestación convocada por CCOO e UXT en Lugo con motivo do 1 de Maio, e recalcou que este día é momento de "reivindicación" e tamén de lembrar os "principios, obxectivos e logros" dos socialistas, entre os que sinalou a mellora do salario mínimo interprofesional (SMI) ou a revalorización das pensións.

Gómez Besteiro denunciou que a Galiza crece menos que o resto de Estado español, "case un 30% menos no último ano"; ten unha actividade "seis puntos por baixo da media estatal"; e que "nos últimos 15 anos perdeu case 70.000 empregos industriais", fronte ao crecemento de 700.000 empregos industriais no conxunto do Estado.

"Pedimos que non se perdan oportunidades, que se poñan as pilas en materia de emprego e en materia de industria tamén, para conseguir máis traballos e de mellor calidade", proclamou o líder socialista.

Así mesmo, subliñou que este primeiro de maio é momento de reivindicar "a política de igualdade da clase traballadora", para pór fin á fenda salarial que fai que as mulleres gañen case un 20% menos que os homes por facer o mesmo traballo. "Tamén é o día da igualdade, o día de que a Galiza non perda oportunidades", incidiu.

Na mesma liña pronunciouse a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, que se referiu a este 1 de maio como "día de celebración" das políticas sociais e laborais do Goberno de Pedro Sánchez, día de reivindicacións e "tamén día para estar alerta, para que as políticas de dereita e ultradereita non nos coman o terreo e non se dea nin un paso atrás".

Finalmente, o secretario xeral do PSdeG de Lugo, José Tomé, explicou que esta cuarta feira é un día de "dobre celebración" para a militancia socialista da Galiza, pola designación dun novo equipo que levará o PSdeG "á Presidencia da Xunta" e polo "paso adiante" dado por Pedro Sánchez, ao confirmar a súa continuidade como presidente do Goberno español, que "vai ser un paso adiante para os dereitos dos traballadores".

Comentarios