ANÁLISE | Que erros debe evitar repetir o Celta para non pasar apuros a próxima tempada?

A alegría por certificar a permanencia unha xornada antes do final ligueiro non debe impedir realizar unha análise crítica cunha tempada tan histórica como chea de erros.
A euforia desatouse entre o corpo técnico e os xogadores olívicos após fechar a permanencia o pasado domingo ante o Granada. (Foto: RC Celta).
photo_camera A euforia desatouse entre o corpo técnico e os xogadores olívicos após fechar a permanencia o pasado domingo ante o Granada. (Foto: RC Celta).

O Real Club Celta de Vigo fechou co seu triunfo sobre o Granada o pasado domingo (1-2) a súa permanencia durante un ano máis na máxima categoría do fútbol estatal. Non obstante, a alegría por certificar a permanencia unha xornada antes do final ligueiro non debe impedir realizar unha análise crítica cunha tempada tan histórica como chea de erros que, noutras circunstancias, ben poderían terlle costado o seu posto na Primeira División.

"Se adestrar o Celta e acabar cumprindo cos obxectivos supón sufrir como o estamos a facer na parte final dos partidos, benvido sexa o sufrimento". As palabras de Claudio Giráldez despois de derrotar o conxunto andaluz son o espello dun lóxico estado de ánimo, pero, como un bo cristián, a escuadra olívica está obrigada a realizar un acto de contrición para emendar na vindeira campaña os males que a piques estiveron de acabar co equipo na Segunda no ano do centenario.

En primeiro lugar, e iso xa o garantiu o director de fútbol, Marco Garcés, necesita estabilidade do banco. O cesamento de Rafa Benítez  a mediados de marzo e a súa substitución polo até ese momento responsábel do filial supuxo un novo movemento nun posto ocupado por sete adestradores nos últimos cinco anos.

Por outra parte, e isto tamén semella un aspecto chave para o que será preparador celeste na 2024/25, o Celta precisa dar oportunidades a unha canteira coa que o home polo que se optou para liderar o ambicioso proxecto do centenario, Benítez, non contaba en absoluto, e que demostrou nos nove partidos con Giráldez á fronte que está sobradamente preparada para achegar ao primeiro equipo cando sexa necesario, xa sexa na defensa (Carlos Domínguez), o medio do campo (Hugo Álvarez, Hugo Sotelo, Damián Rodríguez) ou no ataque (Miguel Rodríguez).

Finalmente, e isto non é menos importante que o anterior, o Celta precisa sorte. Sorte cuns colexiados que esta tempada custáronlle non menos de 10 puntos e cunhas fichaxes coas que non acertou nesta 2023/24 que baixará o pano o próximo domingo, pois das 10 que realizou tan só se pode dicir que foron un éxito rotundo as de Guaita e Douvikas.

Comentarios