Pontón propón unha "estratexia de país" a Rueda e a Besteiro "cunha AP-9 galega"

A portavoz nacional do BNG remitiu unha carta a Alfonso Rueda e a José Ramón Gómez Besteiro propoñéndolles unha reunión para trazar unha estratexia para conseguir a transferencia da autoestrada AP-9.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en declaracións aos medios após escoitar o discurso de investidura de Alfonso Rueda. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en declaracións aos medios após escoitar o discurso de investidura de Alfonso Rueda. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A través dunha carta, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou ao presidente da Xunta da Galiza e do PP no país, Alfonso Rueda, e ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, para que manteñan un encontro para abordar "unha estratexia de país" a favor dunha AP-9 "galega e libre de peaxes".

Despois de que Bruxelas abrise expediente por segunda vez ao Estado español pola prórroga da concesión da AP-9, Pontón apunta na carta dirixida a Rueda e Besteiro que este é un momento "crucial" para lograr unha autoestrada "galega e libre de peaxes". Por este motivo,  considera importante que os responsábeis políticos das principais formacións da Galiza manteñan unha reunión para "poder tecer unha estratexia de país" co obxectivo de alcanzar "unha demanda reclamada pola sociedade galega".

Ademais, a líder do BNG sinala tamén a conveniencia de realizar esta reunión canto antes para axilizar todos os pasos que culminen "con éxito a transferencia da autoestrada libre de peaxes", tras lembrar que este é un dos obxectivos nos que o Bloque traballa "con rigor e coherencia desde hai anos", impulsando desde o Parlamento da Galiza a "elaboración e aprobación por unanimidade de sucesivas leis de transferencia que, con todo, non lograron a aprobación do Congreso".

Proposta "desatendida" por PP e PSOE

Neste sentido, tal e como trasladou a formación nacionalista nun comunicado, Pontón explica que no último intento, e tras a toma en consideración da lei galega por parte da Cámara baixa, o Bloque solicitara a súa tramitación urxente, unha petición que, engade, "foi desatendida porque tanto PP como PSOE presentaron emendas e solicitaron até 17 prórrogas".

Así, en relación á AP-9, a portavoz nacional do BNG asegura na súa carta que o único avance favorábel até o de agora para os galegos foi "a histórica rebaixa das peaxes lograda polo BNG no acordo de investidura co PSOE tras as eleccións xerais de 2019".

Por último, Ana Pontón tamén cita o acordo logrado no último pleno do Parlamento galego polo que se solicita ao Estado español a anulación da prórroga outorgada á concesionaria no ano 2000, que asuma a xestión directa da autovía e que impulse a súa transferencia á Galiza.

Ademais, apunta que a proposición non de lei tamén incluía a realización por parte da Xunta da Galiza dun estudo que explore as vías xurídicas para anular a prórroga e unha avaliación dos custos económicos que tería para o Estado asumir a infraestrutura.

Comentarios