Consello da Xunta

Rueda pon límites ao pacto polo galego ofrecido polo seu conselleiro

O presidente ábrese ao diálogo, mais sen cuestionar a política lingüística.
Rueda diego calxo xunta
photo_camera Román Rodríguez, Diego Calvo e Alfonso Rueda na reunión do Goberno galego desta segunda feira. (Foto: Xunta da Galiza)

O "gran pacto polo galego" que a semana pasada propuxo o conselleiro de Cultura, Xuventude e Lingua, José López Campos, ten límites, como esta segunda feira apuntou o presidente galego, Alfonso Rueda. E ese límite é a propia política lingüística que a Xunta da Galiza leva desenvolvendo ao longo destes anos. Rueda dixo estar disposto a dialogar e non "fecharse a nada", mais o "bilingüismo harmónico" sería o marco a facelo.

Miles de persoas convocadas por Queremos Galego demandaron a pasada sexta feira en Compostela unha mudanza de rumbo na política lingüística da Xunta da Galiza apenas tres días despois de que o conselleiro López Campos falara no Parlamento dun "gran pacto polo galego". Este domingo, para pór o ramo, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, demandaba ao Goberno galego a derrogación do decreto do plurilingüismo.

Nós Diario preguntou esta segunda feira ao presidente galego, durante a súa comparecencia após o Consello da Xunta, se o seu Goberno, dentro desa oferta de "pacto polo galego", estaba aberto a contemplar a derrogación do 'decretazo' no ensino. "Hai que escoitar a outra parte", respondeu Rueda, "e tamén eles teñen que escoitarnos a nós".

Afirmou que o Executivo "non se fecha absolutamente a nada" nesta oferta de diálogo mais, engadiu, "iso non quere dicir que poñamos en cuestión a nosa política lingüística", que sintetizou no "bilingüismo harmónico" que se contrapón "ao enfrontamento" polo idioma que, afirma, se procura desde outras partes. Rueda tamén apelou ás eleccións do pasado 18 de febreiro para defender a súa política lingüística. "Os galegos cando votan, votan tamén isto e ratificaron" [esta política], dixo.  "Sentemos a falar e veremos que acordamos", concluíu, após sinalar os límites do diálogo.

Milei

Tamén a preguntas da prensa, Rueda considerou que "non houbo ataque a España" nas palabras do presidente da Arxentina, Javier Milei, contra o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e a súa muller Begoña Gómez, á que acusou de "corrupta" na cimeira ultradereitista convocada por Vox o domingo en Madrid. "O Estado non é o presidente do Goberno, por máis que ás veces o presidente do Goberno pense que o Estado comeza e acaba nel", afirmou Rueda.

Automoción

O Goberno galego aprobou no Consello da Xunta abrir en xuño unha convocatoria de axudas, por un total de 18 millóns de euros, para impulsar a transición enerxética do sector da automoción na Galiza e a súa industria auxiliar. Serán "fondos propios" da comunidade e dividirase en dúas liñas de axudas diferentes. O prazo de solicitudes fecharase 31 de outubro —ou antes, se se esgota o crédito dispoñíbel— e serán subvencionábeis proxectos a partir do 1 de xaneiro deste ano.

Frondosas

Outros acordos aprobados son destinar 40 millóns de euros até 2040 para unha estratexia para as árbores frondosas, "que actualmente ocupan 615.000 hectáreas", que en base a 36 medidas procure ampliar estes bosques. Deuse o visto e prace a asinar catro convenios con outras tantas entidades que traballan con persoas con discapacidade, renovar o convenio coa USC para o portal neofalantes.gal e nomear a nova directora do Agader, Paz Rodríguez.


A Catedral de Santiago recibira 1 millón da Xunta para seguranza

Alfonso Rueda anunciou que a Xunta da Galiza destinaría 1 millón de euros para gastos de seguridade e regulación do fluxo de visitantes na Catedral de Santiago de Compostela. A cifra supón case a metade da achega que o Goberno galego dá a Compostela polos gastos derivados da súa capitalidade, unha montante de 2,3 millóns de euros, cifra que se mantén inamovíbel desde hai anos. Santiago cifrara en ao redor de 8 os millóns que debería de supor estatuto de capitalidade. 

Aliás, esta segunda feira o Goberno local de Compostela aprobou o texto do convenio coa Consellaría de Educación para a xestión do servizo de comedor en nove centros educativos do municipio durante o curso vixente e o próximo, pero reclama ao departamento autonómico que transfira "o crédito correcto" dos menús escolares por ser "unha competencia da Xunta". A portavoz municipal, Míriam Louzao, detallou que a Consellaría achega 55 céntimos a cada menú, que ten un custo total de 5,82 euros máis IVE. "Aprobamos o convenio para polo menos ter eses 55 céntimos por menú que achegaría a Xunta", argumentou. Tal e como explicou Louzao, os comedores son unha competencia que "debería desenvolver a Xunta da Galiza" ao ter as competencias en materia educativa. 

Comentarios