O BNG concéntrase esta segunda-feira ante o primeiro xuízo por manifestarse ante Merkel

O responsábel comarcal da formación nacionalista na Coruña, Paulo Carballada, será o primeiro das cinco persoas que terá que acudir ao xulgado após ser imputado penalmente, e contará co apoio do Bloque, que fala de “acusacións falsas”.

BNG merkel 3
photo_camera Imputados do BNG por manifestarse ante Merkel.

Esta segunda-feira, 12 de xaneiro. ás 11.00 terá lugar no xulgado da Coruña (rúa Monforte) unha concentración en apoio a Paulo Carballada, responsábel comarcal do BNG que terá que comparecer xudicialmente esa mañá para declarar por atoparse, xunto con outros catro compañeiros do BNG e CIG, baixo imputación penal por manifestarse contra a visita da presidenta de Alemaña , Angela Merkel e o español Mariano Rajoy a Galiza no mes de agosto. O voceiro nacional da organización, Xavier Vence, acudirá a apoiar ao imputado, o primeiro que ten que se presentar ante a Xustiza. 

Segundo o BNG, o “relato dos feitos acontecidos na protesta democrática foi corrompido nun atestado policial infame, ditado desde instancias dependentes do PP, para introducir gravísimas acusacións falsas contra o noso compañeiro”. O Bloque afirma que  “este ataque evidencia que a represión da protesta social na Galiza é un feito, e que criminalizar e amedrentar a quen discrepa das políticas antisociais que están levando este país a unha situación de miseria pasa por atacar o nacionalismo”.

Comentarios