O BNG considera que Feijóo está “desacreditado” para combater a corrupción

Xavier Vence empraza a Feijóo a asumir medidas reais contra esa lacra, como cesar os altos cargos do PP imputados ou actuar contra Baltar. A montaña de corrupción non se pode tapar con fume.

VENCE ROLDA DE PRENSA1

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, cre que Núñez Feijóo vai converter o debate sobre corrupción que esta terza feira vai decorrer no parlamento para “vender propaganda”. Vence teme que o presidente da Xunta no canto de “render contas sobre todos os casos de corrupción que afectan ao PP” vai optar por dar “un mitin” e representar no Parlamento “unha bufonada” sen permitir ña oposición “facer propostas”.

O portavoz do Bloque propón a Feijóo tres medidas concretas para adoptar de inmediato e amosar así a vontade real e loitar contra a corrupción: cesar a todos os cargos do PP imputados en casos graves de corrupción, cumprir a Lei de Transparencia coa difusión de todos os contratos, e citou como exemplo o asinado con Povisa, e de paso acabar cos contratos sen publicidade.

Longa Lista

O Bloque demanda de Feijóo que empece por explicar os casos de corrupción "que lle afectan, -casos Pokemon, Gürtel, Zeta, Orquesta, e os propios papeis de Bárcenas que recollen o suposto financiamento do PP de Galiza a través de empresas como Iberdrola ou Copasa". “Mentres non sexa así, Feijóo está desacreditado para facer propostas e menos utilizando o Parlamento galego a modo de estaribel para un mitin do PP, e negando as outras forzas políticas a oportunidade de facer propostas reais para rexenerar a vida pública deste país”, concluíu Vence.

Comentarios