O BNG salienta a coincidencia dos outros candidatos en defender o mesmo marco institucional para Galiza

Ana Pontón afirma que o Bloque é a única forza que aposta en superar ese marco e ter capacidade así, aponta, para facer fronte aos problemas e necesidades do país.

FOTO CANDIDATOS E CANDIDATAS BNG

Sen variar o actual marco institucional de Galiza non hai posibilidades de desenvolver e aplicar políticas e medidas que dean resposta e solución ás necesidades e problemas do país. Así o reiterou a candidata e portavoz nacional do BNG no Encontro nacional de candidatos que este sábado tivo lugar en Compostela e ao que asistiron as persoas que fan parte das listas nacionalistas para o 25S.

Fronte a esta aposta do BNG en “dar un paso adiante para cambiar o actual marco para avanzar no autogoberno de Galiza e ter capacidade real de dar solucións aos problemas”, o resto de candidaturas , en referencia a Feijóo, Leiceaga e Villares, teiman en manter “o mesmo traxe estreito para Galiza”.

“Estamos ante unha encrucillada no que os galegos e as galegas temos que apostar por dar un paso adiante, non é o momento dos parches"

Nesta liña, lamentou que “sorprendentemente defenden o mesmo marco porque os tres din que a Constitución e o Estatuto son o traxe que necesitan os galegos”. E nese traxe, explicou, “ é imposible desenvolver unha política seria e real que acabe cos recortes”, así como “ é imposible que poda haber máis cartos para a sanidade, para a educación, para a dependencia senón apostamos por un novo modelo de financiamento que evite que o recadado polos impostos que pagamos os galegos e as galegas emigre”. Afirmou Pontón que o Estado español recada na Galiza uns 3.000 millóns de euros máis dos que inviste

Encrucillada

A dirixente nacionalista encabezou un encontro de candidatos e candidatas que empezou cunha foto de familia en Santo Domingo de Bonaval, de cara a pulir a estratexia da recta final de precampaña, encontro que aproveitou para poñer en valor o proceso democrático “de abaixo arriba” de elección e aprobación das candidaturas. “Temos equipo, temos proxecto e somos unha forza con historia”, subliñou.

Pontón non quixo entrar a valorar a situación de Marea e PSdG e afirmou que o único “lío” que preocupa o BNG “é o que deixan as políticas de Feijóo e de Rajoy “.

Comentarios