O BNG homenaxea Castelao cunha denuncia “das políticas impostas desde fóra”

Xavier Vence lanza como reto para a súa formación o ciclo electoral que se abre en maio coas municipais pero que mira xa para as autonómicas de 2016, onde di que existe “a obriga de derrotar ao PP”.

castelao-cropI
photo_camera Homenaxe do BNG a Castelao.

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, afirmou que o pensamento de Castelao segue "plenamente vixente nunha Galiza que sofre políticas impostas desde fóra que  lle provocan a ruína"  e atacan o autogoberno". Así o manifestou este sábado nun acto celebrado en Rianxo en homenaxe ao pensador nacionalista no 65 cabodano do seu pasamento, onde asegurou que o "ciclo electoral" que se abre en 2015 é a "oportunidade" para "pasar páxina das políticas do Partido Popular".  

"As Asembleas Abertas seguirán a ser unha plataforma vital para incorporar a todas as persoas que compartan un proxecto político transformador para este país", anunciou o voceiro nacionalista

Durante o discurso ante o busto de Castelao, Vence subliñou que para o Bloque ese ciclo electoral inclúe tamén os comicios autonómicos de 2016. “Este ano temos eleccións municipais e xerais, o ano próximo as autonómicas e temos moi en mente o ciclo completo porque para o BNG as tres citas son cruciais”. Segundo o seu líder, o BNG encara ese ciclo co obxectivo de liderar a derrota do PP logrando unha avance do nacionalismo no “primeiro chanzo” das municipais de maio, co fin de que “nas xerais Galiza siga tendo unha forza política que a defenda en Madrid pero, moi en particular, coa vista posta nas autonómicas de 2016”. Nesa cita, dixo Vence, “temos a obriga de derrotar ao PP e traballar coa ilusión de sermos a alternativa que lidere esa vitoria. Non vai ser fácil, pero debe ser a meta e acadar ese obxectivo require un esforzo redobrado de sumar, de aí que as Asembleas Abertas seguirán a ser unha plataforma vital para conectar e incorporar a todas as persoas que comparten un proxecto político transformador pensado desde este país”, engadiu, poñendo como exemplo os concellos onde goberna a súa formación. 

Vence tamén falou da Xunta de Feijóo, da que dixo que a súa “propaganda tamén pincha en relación á publicitada recuperación económica”. “Onte mesmo saían os datos da evolución da produción industrial, e Galiza volve encabezar a lista das autonomías que saen peor paradas, cunha caída da produción industrial que despois se traduce na perda de emprego que coñecemos”, argumentou o dirixente do BNG, quen reclamou “medidas concretas para activar a economía e os sectores produtivos, única forma para remontar a crise”.

Comentarios