A campaña encádrase nos actos previos ao Día da Patria Galega 2017, unha convocatoria que o Consello Nacional do BNG do pasado sábado formulou como "aberta" a todas as persoas e colectivos que queren unha dirección distinta, un outro rumo, para Galiza.
O conceito chave da campaña é agravio. Galiza está abandonada e ausente no debate do Estado. A xuízo do BNG, esa ausencia foi especialmente notoria durante a tramitación da moción de censura de Unidos Podemos, coa representación galega no Congreso a orbitar arredor das súas respectivas direccións madrileñas.
O agravio susténtase sobre cinco patas, segundo os guionistas do vídeo que ilustra esta campaña e cuxas voces son as de Olalla Rodil e Xosé Luís Rivas, Mini, ambos parlamentares do BNG no Pazo do Hórreo.
- O financiamento dos concellos. Os municipios galegos receben menos recursos por habitante do que os españois. 50 euros menos.
- A enerxía. Somos excedentarios en produción eléctrica, mais a tarifa unitaria estatal fai que Madrid pague a mesma factura que Galiza pola luz que consome (en teoría, as e os galegos deberíamos poder aforrarnos o custo do transporte, xa sen falarmos da compensación en materia ambiental).
- As pensións. As galegas son as segundas máis baixas do Estado. En promedio as e os nosos pensionistas reciben 140 euros menos ao mes do que as e os españois.
- As infraestruturas. Chegan a Galiza tarde, mal e arrastro. É máis barato viaxar en estrada de Ferrol a Madrid do que desde a cidade departamental até Vigo. E canto ao AVE, chegará con anos de retraso e, o que é pior, a dupla vía apenas cobrirá 34 por cento do traxecto.
- O financiamento do autogoberno. O actual sistema discrimina Galiza. Non pondera adecuadamente criterios como o avellentamento e a dispersión populacional, que fai que o custo dos servizos públicos transferidos sexa máis caro na Galiza do que na media estatal. O BNG estima unhas perdas para o país de 9.000 millóns de euros desde 2009. A solución, o concerto económico.