O BNG pide a demisión do director xeral da CRTVG

Na Comisión de control abordáronse cuestións como o papel de director de Sánchez Izquierdo nunha empresa, Telemiño, nuns anos que a xuíz De Lara investiga por posíbel financiamento ilegal do PP.

Sánchez Izquierdo, director da CRTVG
photo_camera Sánchez Izquierdo, director da CRTVG

O pasado de Sánchez Izquierdo como director de Telemiño nos anos que a xuíza De Lara investiga por posíbel financiamento ilegal do PP de Ourense púxose sobre a mesa esta sexta feira durante a comisión de control da CRTVG, ente público que dirixe Sánchez Izquierdo. Fíxoo a deputada nacionalista Montserrat Prado, no marco dunha pregunta sobre o “escandaloso” tratamento da TVG de certas cuestións. Puxo tres exemplos: o tempo e espazo adicado nos telexornais a ‘Libres e Iguales’ e os seus actos -minoritarios- en Galiza contra o proceso catalán; o partidismo pro-gubernamental no tratamento informativo dos orzamentos; e, por último, en como a televisión pública enfocou a noticia sobre investigación xudicial por presunto financiamento ilegal do PP de Ourense.

Foi nesta terceira cuestión cando a deputada do BNG lembrou a Sánchez Izquierdo “o seu paso por Telemiño” nos anos albo da investigación – cómpre lembrar que a fronte nacionalista ten rexistrada unha petición de comparecencia do director de CRTVG por este mesmo tema-. “Vai vir dar explicacións diso?”, preguntou Prado, criticando que o tratamento informativo desa noticia na TVG fose “dar a versión do PP, obviando a oposición” e a “involucración” de Sánchez Izquierdo en Telemiño.

“Non sei de que se me acusa”

Para o BNG cómpre dar explicacións de como unha persoa con responsabilidades nunha empresa que “investiga unha xuíza” por posíbel financiamento irregular do PP a mediados da década pasada pase en 2009 a ser o director xeral dos medios públicos galegos por nomeamento da Xunta. Un cargo desde o que, afirmou Prado, “vostede ten secuestrados os medios públicos en beneficio do PP”. Por todo iso, a deputada nacionalista pediu a Sánchez Izquierdo “que se lle queda un pouco de dignidade debería demitir e dicir que non está disposto a seguir asfixiando os medios públicos galegos”. E recalcou: “foi nomeado polo PP despois de estar uns anos nunha empresa que unha xuíza investiga por presunto financiamento ilegal do PP”.

Na súa resposta, Sánchez Izquierdo afirmou que na súa etapa en Telemiño “non tiven que tramitar nada en absoluto que fose con etiqueta de irregular”, afirmando que “o meu labor estivo centrado nun traballo serio nun grupo editorial que estivo afastado de todo o que non fose o seu labor editorial”. O director xeral de CRTVG dixo non ter problema “en falar diso -en referencia ao seu paso por Telemiño- mais tenme que dicir de que me acusa”, e aseverou que “eu lin o auto da xuíza e o tipo de referencia que se fai a esa empresa onde eu tiven algunha responsabilidade está afastado do que vostede di”.

Carrexo

Na sesión de control Sánchez Izquierdo tamén tivo que escoitar as críticas de Xesús Ron (AGE), neste caso pola imputación dun conselleiro de CRTVG por presunto delito eletoral nos comicios de 2012. O director xeral de CRTVG escudouse en que é o parlamento quen nomea e destitúe os conselleiros da compañía.

Comentarios