Contra o Agravio

BNG pon en marcha unha campaña para denunciar a discriminación do país

En pleno debate sobre os piores orzamentos do Estado para Galiza desde 2004, o BNG lanza a campaña "Contra o Agravio". Este foi un dos acordos adoptados polo Consello Nacional da formación frontista na súa primeira reunión após a súa XVI Asemblea.

Consello Nacional do BNG 22 de abril de 2017
photo_camera Consello Nacional do BNG 22 de abril de 2017

Os orzamentos do Estado para 2017 son os que pior tratan Galiza desde 2004 en termos absolutos e, se descontarmos a inflación, os menos dotados desde 1996, desde o primeiro goberno Aznar.

Nese contexto, e cun Feijóo á defensiva por vez primeira en moito tempo (o presidente da Xunta chegou a dicer que os orzamentos, se non se chegan a executar na súa totalidade, serían decepcionantes), o BNG pon a sexta marcha e lanza unha campaña de denuncia da política estatal a respeito de Galiza -e tamén de socialización das súas alternativas- sob o rótulo xenérico de "Contra o Agravio".

A campaña será intensa, con actos por todo o país, e será o Día da Patria Galega, coa grande manifestación nacional, quen lle poña o ramo.

No seu discurso durante o Consello Nacional -segundo informa o BNG en nota de imprensa-, a líder da formación soberanista, Ana Pontón, chamou a "cambiar o rumo" porque "estamos a viver unha recentralización brutal que é un pésimo negocio para o país".

E os temas de Contra o Agravio? Pois son aqueles que xa están a nuclear a intervención política do BNG durante estes meses. A saber, a necesidade de impulsar un novo modelo de financiamento para o país -o concerto económico-, a demanda da transferencia da AP9 e o fin "da estafa das peaxes cando se rescatan as radiais madrileñas", a reivindicación de infraestruturas ferroviarias dignas e o cumprimento dos prazos do AVE, o espolio enerxético...

"Debemos unirnos en defensa dos intereses da Galiza, só así poderemos cambiar situacións tan inxustas e discriminatorias", enfatizou Pontón, quen puxo Feijóo no albo das súas críticas: "Isto pasa porque temos un goberno na Xunta incapaz de dar a cara por Galiza, pasa porque Feijóo é unha marioneta en mans de Rajoy".

Galiza Avanza

O Consello Nacional acordou tamén pór en marcha a Estratexia Galiza Avanza, co que se dá cumprimento a un dos mandatos da asemblea de Palexco, unha folla de rota na que, salienta a organización nacionalista, "terá especial relevancia a preparación das eleccións municipais".

Nese sentido, o máximo órgao do BNG entre asembleas marcou o obxectivo de ter designados os candidatos e candidatas para as municipais 2019 no prazo dun ano.

Comentarios