O BNG aproba as candidaturas das municipais, con catro caras novas nas cidades

A formación nacionalista repite cabeza de lista en Pontevedra, A Coruña e Santiago e renova o cartel en Vigo, Ferrol, Ourense e Lugo.

bng-crop
photo_camera CN do BNG

O Consello Nacional do BNG aprobou por unanimidade o primeiro tramo as candidaturas que presentará ás municipais nas sete cidades de Galiza e noutros 14 concellos do país, que o portavoz nacional, Xavier Vence, definiu como “solventes, sólidas e cribles para ofrecer unha alternativa á cidadanía fronte ao desgoberno corrupto do PP”. Segundo a formación nacionalista, as listaxes son “resultado do proceso de participación en asembleas abertas a toda a cidadanía e combinan renovación con experiencia de goberno”.

“Queremos trasladar a todos os concellos o modelo que poñemos en práctica alí onde gobernamos, o modelo de Pontevedra, Carballo, Allariz ou Ribadeo, de todos aqueles municipios nos que estamos gobernando a día de hoxe”, salientou Vence, que tamén fixo fincapé na “incorporación de xente nova, independentes, persoas de diversos colectivos sociais, activas nos movementos veciñais, feministas, de loita contra os estafados pola banca, desafiuzamentos e de defensa dos servizos públicos”.

Como cabezas de cartel, polo Bloque repiten Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra, Xosé Manuel Carril na Coruña e Rubén Cela en Santiago, namentres son novidade Iván Rivas en Ferrol, Rubén Arroxo en Lugo, o sindicalista da CIG Serafín Otero en Vigo e Susana García en Ourense.

Comentarios