O BNG presenta as súas candidaturas urbanas como “muros de contención contra o PP"

Xavier Vence espera que as eleccións de maio “poñan as bases dun novo modelo de país que fuxa de visións cantonalistas” nun acto xunto aos cabezas de cartel nas sete cidades de Galiza, onde se chamou a “pasar a páxina negra do Partido Popular”.

bng-crop
photo_camera Candidat@s do BNG

O BNG -que se presentará ás municipais co engadido no seu nome de “asembleas abertas”- xuntou a candidat@s nacionalistas nas sete cidades de Galiza, que segundo o voceiro nacional da formación, Xavier Vence, simboliza o “estratéxico” do papel da Galiza urbana nos comicios do 25 de maio para “deixar atrás ao PP e sentar as bases dun novo proxecto de país fuxindo de visións cantonalistas”.

Vence, -que puxo Pontevedra como exemplo e aval de goberno do Bloque nas cidades-, presentou as candidaturas como “muros de contención fronte aos recortes” e garantía da “loita sen cuartel contra a corrupción”. “As cidades terán un papel chave no obxectivo de poñer as bases para empezar a pasar a páxina negra” do PP, e as candidaturas BNG-Asembleas Abertas son a alternativa á dereita e ao centralismo”, afirmou o dirixente nacionalista. “Temos a obriga de derrotar ao PP porque nos xogamos o futuro”, engadiu.

"Somos a alternativa á dereita e o centralismo", asegura Vence

O líder do BNG tamén subliñou “as altas expectativas” coas que concorre as eleccións a formación nacionalista, á que situou como “garantía da loita sen cuartel contra a corrupción, no presente e no futuro, garantía dunha xestión limpa, honesta onde os intereses dos veciños e veciñas están por riba dos intereses das empresas que conforma a rede clientelar do PP”. 

Pola súa parte, tamén falaron candidat@s. Ivan Rivas destacou a prioridade de frear o desmantelamento do sector naval de Ferrol iniciado fai trinta anos por gobernos “indolentes e crueis”. O vigués Serafín Otero declarou que Vigo precisa un concello que escoite á veciñanza “non déspotas con complexo de Napoleón”. O cabeza de lista por Lugo, Ruben Arroxo, defendeu unhas infraestruturas ferroviarias “propias do século XXI e non dun libro de historia”. A ourensá Susana García reclamou para Galiza rural “a mesma calidade de vida e de servizos” que o resto do país e criticou ao clan Baltar. Ruben Cela puxo Santiago como exemplo dos efectos “nefastos” do PP e o coruñés Xosé Manuel Carril considerou fundamental a defensa da lingua e da cultura galega “que non poden ser foráneas na súa propia terra”.

"As cidades poden ser para as persoas, só hai que votar BNG", di Lores

Pola súa parte, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores destacou que o BNG aposta por cidades “feitas para as persoas”: “O espazo público debe ser a continuidade da propia vivenda, con prazas e rúas de calidade que permitan aos nenos ir andando á escola, que permita florecer o comercio local e os centros das cidades”. “É posible, só hai que votar ao BNG”, salientou.

Comentarios