O BNG propón un consorcio naval para recuperar o sector en Vigo, que perdeu 6.000 empregos

Levarán ao Parlamento unha "proposta global" baseada na entente público-privada para reverter a situación dun sector chave. 

ANAPONTON PORTO VIGO2

O BNG presentou en Vigo a súa proposta para o sector naval da Ría, un sector que nos últimos anos sofreu a perda de 6.000 empregos directos e por volta de 17.000 indirectos. Os nacionalistas defenderán no Parlamento a necesidade de reverter a actual situación e para elo poñen sobre a mesa unha “proposta global”, baseada na colaboración público-privada e con tres medidas concretas: crear un consorcio naval, dotar dun fondo de avais e de financiamento (que se mutra de recursos públicos e privados), e a creación dun centro de reparación naval na Ría de Vigo.

No que atinxe ao consorcio, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, a idea é aglutinar nun ente “a todas as partes implicadas no proceso: estaleiros, empresas auxiliares e empresas transformadoras do metal e a Administración pública”.

“Temos capacidade, temos persoal formado, temos a infraestrutura, temos unha universidade preparada para colaborar neste terreo desde o convencemento de que unha aposta estratéxica para recuperar o sector naval pasa pola innovación e pola tecnoloxía”, explicou Pontón, que estivo acompañada polos deputados Luís Bará e Montse Prado, para alén de Ana Miranda, Serafín Otero e Manuel Caride.

Centro de reparación

Cada ano pasan pola Ría de Vigo 24.000 embarcacións, dixo Pontón, só con que o 10% destes buques teñan necesidade de reparación “é un negocio complementario do da construción que permitiría recuperar unha parte do emprego perdido”. De aí a proposta do centro de reparación. A respecto da terceira pata, o fondo financeiro público-privado, con esta quérese “dotar ao sector dun mecanismo de aval e financiamento de novos contratos e, moi especialmente, de proxectos de I+D+i”.

Para a portavoz nacionaliusta, o importante “é a vontade política para darlle un impulso definitivo a este sector, porque o papel da Xunta debe ser o de converter Vigo de novo nun referente do naval en colaboración con todas as partes implicadas”.

Comentarios