BNG propón que o galego sexa vehicular no ensino

Presenta no Parlamento unha reforma da Lei de Normalización Lingüística para protexer e pular polo idioma propio fronte a unha “dereita españolista” que quer manter o galego “como lingua de segunda”.

Ana Pontón

Frear a perda de persoas galegofalantes entre as xeracións máis novas, especialmente acusada no ámbito urbano no que se está derivando a un monolingüísmo en castelán. Ese é un dos obxectivos da proposición de lei presentada polo BNG no Parlamento para modificar a actual normativa lingüística e establecer o galego como lingua vehicular no ensino. Unha proposta que chega nun marco no que o galego está no albo de retrocesos: O Tribunal Supremo confirmou a sentenza do TSXG que en 2016 anulou varios artigos da ordenanza municipal que regulaba o uso da lingua galega tras unha denuncia de Galicia Bilingüe, integrada agora na entidade Hablamos Español.

Blindar o idioma propio de Galiza “dos ataques e de novos retrocesos que chegan da man da tridereita españolista”, indicou a portavoz nacional, Ana Pontón, é outra das finalidades desa proposta. Alertou a nacionalista contra as propostas “que atacan competencias galegas en materia de normalización lingüística que queren manter o galego como lingua de segunda”. O BNG propón tamén desenvolver medidas que estaban contidas no Plan xeral de normalización lingüística mais “que hai máis dunha década que acordamos e sigue a ser un punto de encontro”.

“Non se pode lexislar a lingua galega desde Madrid”, subliñou unha Ana Pontón quez instou a Feixóo “a abandonar o seguidismo de Casado”. Garantir a plena competencia do profesorado para desenvolver o seu labor docente en galego, fomentar o uso progresivo do idioma propio na etapa preescolar e lograr que o ensino obrigatorio garanta unha competencia pleno no idioma galego figuran nas propostas nacionalistas para darlle futuro ao galego.

Comentarios