DENUNCIA DO PSDEG

Cada día morren en Galiza 5 persoas sen recibir a prestación de dependencia embora tela recoñecido

A deputada do PSdeG Carme Gallego afirma que nestes dous anos morreron nesas circunstancias 2.000 persoas no noso país. Por volta de 7.000 desde 2012, asegura.

O PSdeG afirma que desde 2012 morreron en Galiza 7.000 persoas que malia ter recoñecido o dereito a recibir unha prestación por dependencia non a recibirion. Só no que atinxe a 2014 foron 2.000 as persoas falecidas nesas circunstancias, dixo Carme Gallego, vice-portavoz socialista en rolda de imprensa.

“Falamos de cifras oficiais, é unha situación dramática agravada desde 2011, cando chegou ao Goberno o PP de Mariano Rajoy e comezaron os recurtes na Lei de Dependencia”, manifestou a deputada do PSdeG, que presentou as iniciativas presentadas polos socialistas para exixir “un plan de medidas urxentes para que as persoas que están en lista de espera sexan atendidas, porque as listas de espera só baixan polo falecemento dos dependentes que están nelas”.

Carme Gallego empraza a Feijóo a que “deixe de mentir” e de “desmantelar a Lei de Dependencia”.

Comentarios