Todo pronto para a XVI Asemblea do BNG

"É a candidatura da militancia, do consenso"

Así a apresentou esta quinta feira Ana Pontón, candidata á reelección como portavoz nacional na XVI Asemblea Nacional do BNG, que dá comezo este sábado.

candidatura
photo_camera Foto de familia da candidatura

A Asemblea do Relanzamento do BNG -ese é o obxectivo que anima a formación frontista na súa nova cita congresual- é tamén a Asemblea da Tranquilidade e do Consenso. Unha soa candidatura. Nen unha soa emenda á totalidade. Unha cohesión non vista en moitos anos nunha organización que parece ter atopado o plano para voltar a crecer, cunha lideranza indiscutida, a da emerxente Ana Pontón, e cunha bandeira clara, a da renovación xeracional que simbolizan voces e rostos como Xavier Campos ou Olalla Rodil.

Maioría de nomes menores de 40 anos no tramo alto da candidatura -a que se corresponde cos 19 membros que irán constituír a Executiva Nacional, ampliada desde os actuais 15- e maioría tamén de mulleres, mostra da importancia que nos últimos anos o BNG está a dar ao seu componente feminista.

“É a candidatura da militancia, do consenso que conseguimos trazar entre todos e todas, un valor de fortaleza para seguir camiñando neste tempo novo", dixo esta quinta feira Ana Pontón no acto informativo da apresentación da candidatura.

Cara onde vai dirixir a súa mensaxe asemblear o BNG esta fin de semana? Pontón dá aquí unha pista:  "Afrontamos o reto de coller da man todas esas persoas que perderon a confianza durante a crise e devolverlles a esperanza”.

Esperanza e Galiza. As divisas do novo BNG, visando “facer existir politicamente a Galiza, reverter a perda de peso no Estado, poñer o foco nos problemas do país e traballar para construír un futuro mellor para os galegos e das galegas sabendo que para iso precisamos poder político real”, concluíu a líder nacionalista.

Comentarios