Compromiso por Galicia aposta por un “Estado confederal”

A formación galega defende “fórmulas de goberno con competencias compartidas” e “unha reforma da Constitución que asuma un carácter plurinacional”.

compromiso
photo_camera compromiso

 

Compromiso por Galicia amosouse partidaria nunha nota pública dunha “unha reforma da Constitución, como desexa maioritariamente a cidadanía do noso País”, que inclúa “o recoñecemento do dereito do pobo galego a decidir libremente a relación que quere ter co Estado español que, en todo caso, non pode ser unha relación de subordinación, senón de igualdade”.

Segundo a formación que lidera Xoán Bascuas, “é un obxectivo estratéxico de Compromiso que Galicia sexa recoñecida plenamente como nación, ao mesmo nivel que Euskadi e Catalunya, e en consecuencia que o Estado español asuma plenamente o seu carácter plurinacional, plurilingüe e pluricultural”.

A organización concreta a súa proposta ao explicar que “cómpre que España se vertebre como Estado confederal plurinacional, isto é, un estado asentado no recoñecemento da singularidade, da soberanía e do dereito ao autogoberno das distintas nacións que o conforman; un estado artellado mediante fórmulas federais e confederais que van esixir o total e irrestrito autogoberno de Galicia e das demais nacións no que atinxe á lingua, cultura, dereito, fiscalidade, xustiza e administración local. Isto vai esixir fórmulas de goberno con competencias compartidas”.

Comentarios