Compromiso reelixe a Bascuas e pide unha lista de “unidade galeguista” ás Xerais

A formación celebrou o seu I Congreso, onde se aprobou o balance de xestión, anunciaron a súa negativa a incorporarse ás Deputacións e tamén pediron unha lista única galega para os comicios estatais do ano que vén.

cxg-cropII
photo_camera Congreso CXG

Compromiso por Galicia (CxG) celebrou en Padrón o seu I Congreso Nacional, que escolleu de novo a Xoán Bascuas como secretario xeral co 100 por cento dos votos, que tamén foron maioritarios para aprobar o informe de xestión. Ao acto de clausura acudiron, así mesmo, delegacións de BNG, Anova e Cerna. 

Bascuas obtivo un apoio do 100% nunha clausura na que estiveron presentes BNG, Cerna e Anova

Precisamente, as estas organizacións dirixiuse Compromiso para, no seu relatorio político, “facer un chamamento aos galeguistas e nacionalistas para conformar unha candidatura unitaria nas vindeiras eleccións xerais para que Galicia a e o galeguismo teñan voz nunha máis que previsible reformulación territorial o Estado, unha necesidade de vital importancia”.  

Así mesmo, após un fondo debate, CxG decidiu “non participar nas Deputacións por consideralas inútiles”, xa que logo, os representantes da formación non formarán Goberno nin participarán das institucións provinciais. 

A formación centra os seus esforzos nas municipais de maio que vén

No seu discurso de clausura, Xoán Bascuas afirmou que “vivimos momentos de cansanzo, indignación e carraxe. A situación económica, o desemprego, os recortes, a supresión de servizos sociais non contribúen máis que á crispación e ao discurso incendiario”, e ante isto, “temos que propor transparencia, igualdade, Estado de Benestar, autogoberno e aire fresco á política. Porque somos quen de facelo”. Bascuas pediulle á militancia que centrase os seus esforzos “nas municipais, a pé de obra”. 

Comentarios