DESPEXO DE AURELIA REY

Condenan a Subdelegación do Goberno por ‘’vulnerar dereitos fundamentais’’ de Jorquera no despexo de Aurelia Rey

A sentenza considera que se manipulou un expediente sancionador, que o o BNG cualifica de “político”, con finalidade de “amedrentar”.

O xulgado contencioso-administrativo da Coruña condena a Subdelegación do Goberno por “vulnerar os dereitos fundamentais do portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, en concreto o dereito de defensa e de liberdade de expresión e o dereito de reunión, demostrando que non respectou dereitos fundamentais básicos nunha democracia, como o liberdade de expresión e o de manifestación”. Así informa a fronte nacionalista a través dun comunicado no que sinalan que a resolución tamén revela “as manipulacións feitas desde a Subdelegación do Goberno da Coruña dos expedientes sancionadores, -que o BNG cualifica de expedientes políticos-, nos que se dan instrucións á policía para facer denuncias políticas non baseadas na protección da seguridade cidadá”.

O proceso sancionador actívase mes e medio despois da concentración ante a casa de Aurelia, a diferencia doutras denuncias que foron tramitadas ao Xulgado nos días inmediatamente posteriores

Neste sentido, chama a atención, indica o BNG, que a denuncia ao portavoz parlamentario se inicie con data 27/03/2013, cando os feitos ocorreron o 18/12/2012. Ou sexa, o proceso sancionador actívase mes e medio despois da concentración ante a casa de Aurelia Rey, a diferenza doutras denuncias que foron tramitadas ao Xulgado nos días inmediatamente posteriores. 

“Perseguir a responsábeis do BNG”

Para o Bloque evidencia “a existencia dunha intervención política posterior á data da concentración para perseguir a responsables do BNG. Unha manipulación do procedemento sancionador posto que, como demostra a sentenza, foi utilizada para impedir o exercicio de dereitos fundamentais”.

Considera, ademais, que a sentenza proba que o PP usa a Delegación do Goberno dun xeito “autoritario e instrumental”.

Comentarios