Crece a presión interna no PP para que Rajoy tome medidas contra a corrupción

Diversas fontes da formación gobernante en Madrid e Santiago consideran que está en claro perigo o resultado electoral nas municipais e nas xerais, e piden unha maior implicación do líder estatal.

Rajoy, durante o debate
photo_camera Rajoy, durante o debate

Os últimos casos de corrupción que afectan ao PP estenderon o desánimo entre numerosos dirixentes do partido por todo o Estado, mesmo tamén en Galiza, que consideran que é necesario que Mariano Rajoy tome a iniciativa cun "xesto interno" para recuperar o pulso e reforzar a imaxe da formación.

A menos de sete meses para as eleccións municipais e autonómicas, cargos do PP consultados pola axencia Europa Press coincidiron en expresar a súa preocupación polos de casos de corrupción que afectan ao partido. Así, á reaparición xudicial da trama Gürtel ou aos 'papeis de Bárcenas', sumouse o caso das tarxetas negras de Caja Madrid ou a operación contra o ex-conselleiro da comunidade de Madrid Francisco Granados. En Galiza, a operación Zeta de fraude en cursos de formación tamén toca moi de preto a un PP xa manchado coa Pokémon.

Neste escenario, fontes populares consideran que non é suficiente con pedir perdón e apuntan á necesidade de impulsar o partido para insuflar alento nas filas do PP e presentalo como unha formación "renovada" que concorre aos comicios coa mensaxe de ser un partido "limpo".

Fartos

A análise destes cargos é que si seguen de brazos cruzados, os votantes do PP, "fartos" de escándalos e contrarios a algunhas medidas do Goberno, van quedar en casa nas municipais e autonómicas de 2015, o que abrirá tendencia de cara ás posteriores xerais. "Ou facemos algo xa, ou temos aos nosos votantes tan desmotivados, que non irán votar", escoitase no PP, onde crece o pánico. 

Comentarios