Demite Pedro Sánchez: “Foi un orgullo”.

Anunciou a decisión após perder a votación no Comité Federal do PSOE para convocar un congreso extraordinario por 133 a 107. A demisión pon o ramo a unha xornada de 11 horas de tensións e enfrontamentos sen precedentes no seo deste órgano.

Pedro Sánchez PSOE
photo_camera Pedro Sánchez. Flickr PSOE

“Foi un orgullo, anuncio a miña demisión”. Con estas palabras anunciaba Pedro Sánchez ás 20:21 horas deste sábado que deixaba o cargo de secretario xeral. Non lle quedaba outra após perder minutos antes a votación para convocar un congreso extraordinario: 132 votos contra 107 e nunha votación a man alzada, como pedían os de Sánchez. Susana Díaz tombou aí a Sánchez sobre a lona. Era o final a 11 horas de tensións e enfrontamentos no seo do Comité socialista entre os denominados 'críticos' e os 'oficialistas'. Pedro Sánchez era preso da súa propia afirmación na noite da sexta feira, cando dixo que demitiría se perdía a votación.

Sánchez demitiu mais a pregunta que pairabaera se presentará ás primarias cando estas se volvan convocar -de se volver a convocar-. Boa parte das bases socialistas están co até agora secretario xeral do PSOE e iso tamén o saben os 'críticos'. Por iso queren retrasar o máis posíbel a realización dun Congreso e, de ter que facelo, as primarias. Antes, "España", como di Susana Díaz. Ou sexa, garantir un goberno e evitar terceiras eleccións. E iso supón o que supón, Mariano Rajoy sábeo e por iso é o gran gañador desta crise. Algo que xa se apresuraron a afirmar nas redes sociais Pablo Iglesias e Alberto Garzón.

Vai facilitar, logo, o PSOE un goberno de Mariano Rajoy? Sánchez non tiña dúbida  algunha esta sexta feira cando insinuaba que ese era o propósito dos críticos. Esa é a pataca quente de Susana Díaz e os críticos. Díaz quere que se constitúa unha xestora e que esta asuma o custo de tomar esa decisión. 

Moción de censura

Durante a xornada, e no marco de agrios debates, tensións e enfrontamento, mesmo se recolleron sinaturas entre os membros do Comité Federal para someter a Pedro Sánchez a unha moción de censura. Reuniron os apoios precisos para iso (máis do 20%). Porén, a mesa rexeitou debater ese punto. Non fixo falta, tal e como se comprobou pouco despois, cando Sánchez anunciou a súa demisión.

O Comité nomeou unha xestora provisional, que se encargará de dirixir o PSOE até o vindeiro sábado, cando se volva reunir de novo o Comité Federal e alí se decida os pasos a dar.

E en Galiza?

A demisión de Pedro Sánchez tamén terá efectos en Galiza. Dos 11 representantes galegos no Comité Federal só 1 apoiaba Sánchez. O PSdeG está dirixido por unha xestora provisional, e haberá que ver que acontece agora con ela. A isto engádese a división dentro do partido en Galiza. Mentres boa parte dos dirixentes se posicionaban contra o agora demitido secretario xeral, o sentir entre boa parte da militancia socialista galega non era o mesmo que os dirixentes. 

Comentarios