Destituído o conselleiro de sanidade madrileño que felicitou a Teresa Romero por non ter morto

Pinga a pinga, o conselleiro de Sanidade madrileño foi gañando méritos para ser cesado. Esta quinta feira consumouse a súa defenestración.

Javier Rodríguez non é precisamente un bon relacións públicas nen moito menos un político dotado para a sutileza. As súas continuas declaracións desafortunadas en relación a Teresa Romero, a enfermeira galega que foi a primeira persoa contaxiada de ébola fóra de África, puxeron en evidencia que o PP ía ter nel un problema político.

Recapitulemos, con Teresa Romero debaténdose entre a vida e a morte, Rodríguez optou por cargar nela as culpas. Aí, en realidade, seguía o argumentario do PP. Mais fíxoo con especial torpeza. Inesquecíbel é nese sentido a súa frase de que “para pór ou quitar un traxe” [de seguranza para evitar contaxios] “non é preciso ter un máster”.

Esta cuarta feira, Rodríguez voltou a desprezar a enfermeira galega. Dixo con desdén que a felicitaba por non ter morto. E, non contento con iso, engadiu que se a súa xestión tivese sido incorrecta -foi moi criticado polas lagoas e erros nos protocolos de seguranza- hoxe Teresa Romero “non estaría falando”, isto é, estaría morta.

Alén da xestión do caso ébola, Rodríguez ten sido un dos conselleiros máis deostados por sectores moi amplos da sociedade madrileña polas súas políticas privatizadoras da sanidade pública.

Esta quinta feira, precipitouse o seu final político, ao ser destituído polo presidente do Goberno autonómico, Ignacio González.

Comentarios