Feijóo bota balóns fóra e sinala o Banco de España no caso das caixas

O presidente elude a responsabilidade da Xunta, con competencias na materia. CIG lembroulle que, canda o PSOE, variaron a Lei de Caixas para permitir que os dirixentes das entidades continuasen á fronte.

Feijóo. Apresentación programa eleitoral PP eleccións galegas 2016

O goberno galego non ten nada a ver no desastre das caixas galegas. A letanía que PP e dirixentes do executivo repetiron ao longo destes anos volveu repetila o presidente esta cuarta feira, nunha entrevista nunha cadea española. Núñez Feijóo, preguntado sobre o ingreso en prisión dos ex-directivos de NGB, optou por mandar balóns fóra, concretamente cara ao Banco de España. “Solicitamos formalmente que se revisasen esas indemnizacións e blindaxes”, dixo o mandatario galego, engadindo que o Banco non lles fixo caso.

Porén, e como se lle ten lembrado desde oposición e sindicatos, a Xunta non pode agochar a responsabilidade en todo o acontecido na desaparición das caixas e posterior venda de NGB. O secretario nacional de CIG-Banca lembraba esta mesma semana que no acontecido co sistema financeiro galego hai responsabilidades políticas claras, sinalando PP e PSOE. “Ambas as dúas forzas, populares e socialistas, modificaron a Lei de Caixas para que puidesen manterse á fronte da nova entidade, a pesar de que en base a esa lei non podían continuar nela”. 

Comentarios