O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo de manifesto esta mañá que dous mandatos son dabondo, “oito anos, dúas lexislaturas, é un prazo razoábel para presidir unha comunidade autónoma”. Porén, non desbotou recuncar como candidato do PP á Presidencia do Goberno galego nas eleccións do ano que vén. “Vai ser clave saber quen pode sacar unha terceira maioría absoluta nun momento en que é dificilísimo sacar maiorías absolutas”, apuntou Feijóo nunha entrevista concedida á Cadena Ser.
Feijóo expuxo que de aquí ao primeiro trimestre de 2016 verá se considera oportuno se pode ser "interesante" para Galiza e para o PP que volva concorrer á fronte do seu partido nas eleccións galegas. Precisamente, nos primeiros meses do ano que terá lugar un congreso galego ao que poderán presentarse “os compañeiros que queiran” optar á candidatura á Presidencia da Xunta polo PP.
Na mesma liña, o presidente do Goberno galego salientou que “eu son unha das persoas que debo decidir se considero oportuno presentarme ou non cunha particularidade, que fun presidente e, en consecuencia, teño unha información que implica unha responsabilidade para tomar esa decisión, que non é doada”.