Feijóo nega un estancamento da economía galega e compárase con Alemaña

O presidente afirma que o país está “sen dúbida” mellor que o resto do Estado e que medra "o mesmo que Alemaña" malia os informes citados pola oposición que indican que a economía galega se afasta da española e europea.

feijooo

Coa crise non só medrou a fenda social e económica, senón tamén a territorial, que provoca que determinados territorios estean tamén a padecela máis duramente. E Galiza é un deses territorios, sinalou esta terza feira no parlamento o BNG por boca do portavoz Francisco Jorquera. O deputado tirou de informes e estudos para explicar que a economía galega está a diverxer da galega e a española, algo que considera preocupante e que debería obrigar o goberno galego a actuar. “A riqueza per cápita dun galego é 17 puntos inferior á dun europeo e 12 á dun español”, lembrou Jorquera citando dados de Eurostat. “Desde que vostede é presidente, retrocedemos 10 puntos”, concluíu.

Para o BNG, non cabe dúbida de que se está a dar unha diverxencia da economía galega coa española e europea, un afastamento no que o noso país están a se “descolgar”. Non é desa opinión Núñez Feijóo, que na súa quenda de réplica afirmou que Galiza está en mellor posición que o Estado español, un argumentou que repetiu en varias ocasións. Así, e na referenza á desigualdade social, afirmou que “Galiza está mellor que o resto do Estado, sen dúbida”. E afirmou que Galiza “medra o mesmo que Alemaña” para negar a diverxencia coa UE.

Tamén defendeu as políticas da Xunta na súa resposta a Yolanda Díaz (AGE), que lle reiterou os dados de fogares galegos en situación de necesidade e emprazouno a se pronunciar se ía adoptar medidas concretas como abrir os comedores escolares no verán para que os nenos que o precisasen puidesen comer neles.

Concellos

Na sesión de preguntas ao Parlamento, Méndez Romeu (PSdeG) incidiu no cambio de discurso no PP, que até o de agora demonizaba as coligazóns e ‘bipartitos’, e agora tenta chegar a pactos “á desesperada” para se manter no poder. Feijóo acusou o PP de permitir que en 51 concellos onde o PP tivo maiorías relativas o alcalde non vaia ser o que foi o máis votado nas urnas.

Comentarios