Feijóo prefire como candidato socialista "alguén que teña experiencia de goberno"

Nunha entrevista na COPE, o presidente da Xunta interveu no debate congresual en curso no PSOE e dixo preferir que se impoña nas primarias "alguén que teña experiencia de goberno".

Feijóo. Apresentación programa eleitoral PP eleccións galegas 2016
photo_camera Feijóo. Apresentación programa eleitoral PP eleccións galegas 2016

Feijóo excluiría así do ámbito das súas preferencias o ex secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, o único dos tres aspirantes sen folla de servizos gobernamental (Patxi López foi lehendakari e Susana Díaz é a actual presidenta do goberno andaluz).

Indo máis ao miúdo da súa declaración, parecería que Feijóo entre Díaz e López fica co vasco: "É verdade que se o seu modelo de goberno é a xestión na Xunta de Andalucía me preocupa", dixo.

O presidente do PPdeG admitiu ter acompañado o acto de apresentación de Susana Díaz como candidata e cualificouno de "despregamento brutal por terra, mar e ar de todos os que foron algo no PSOE desde 1978".

"Vin os socialistas que vía cando ía á faculdade e xa cumprín 50. Aí estaban todos. A verdade é que alí estaba todo o pasado do PSOE, a pergunta é se está o futuro. Non o sei, pero si sei que nen nos Congresos onde hai un só candidato había tanto apoio do aparato dun partido como o que vimos onte", dixo Feijóo.

Comentarios