Segundo as pesquisas realizadas por funcionarios de Vixilancia Alfandangueira, Feijóo tería recebido regalos de Monbus -lotes de botellas de viño Vega Sicilia- durante os anos 2008 a 2013 por un importe de 2.327 euros.
No período 2008 a 2014, Monbus recebeu adxudicacións públicas por importe de 172,6 millóns de euros, dos cales un total de 23,73 millóns corresponden á Xunta da Galiza.
A xuíza Pilar de Lara, titular do xulgado número 1 de Lugo, está a investigar 24 políticos non aforados e altos funcionarios por un delito de suborno ao aceitar presuntamente presentes do dono de Monbus a cambio de facilitar os seus negocios. As pesquisas alcanzan tamén a 7 persoas aforadas -entre elas o presidente da Xunta, o vicepresidente Rueda, o ex ministro socialista José Blanco, o ex alcalde de Santiago e deputado do Parlamento galego Sánchez Bugallo, a deputada no Congreso Pilar Rojo (PP), e os senadores José Manuel Barreiro e Juan Antonio de las Heras (tamén do PP)- o que levou a De Lara a dar traslado das pesquisas ao Tribunal Supremo e ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza para estes decidiren se ven indicios de delito e, no caso afirmativo, para demandaren o suplicatorio aos respectivos parlamentos.
Pois ben, a Fiscalía Xeral do Estado e a Fiscalía Superior de Galiza -após ser consultados ao respeito polo fiscal chefe de Lugo, Roberto Brezmes- acudiron ao resgate de Feijóo e demais persoas aforadas ao ditaminar que no procede aplicarlles o suplicatorio.
Entende o fiscal Brezmes -pondo voz ás conclusións da Fiscalía Xeral do Estado, o seu superior xerárquico, dependente á vez do Goberno- que, embora a recepción dos regalos non se axustar “aos códigos éticos, á normativa ad hoc e ás boas prácticas dunha administración moderna, transparente e eficiente”, existía nos anos en que se realizaron os presentes unha tolerancia social con estas prácticas: “Unha parte maioritaria da sociedade considerábaos [os regalos] como usos arraizados alleos ao ámbito xurisdicional penal”.
Alegaba aínda que, sob a súa opinión, “en modo algún [os regalos] teñen a capacidade de influencia mínima e necesaria para interferir no exercicio das funcións públicas dos investigados, independentemente do que pretendese o remitente”.
Estas conclusións da Fiscalía Xeral do Estado distan moito da visión do fiscal de Lugo, Jesús Álvarez González, subordinado hierarquicamente a aquela, quen en decembro de 2015 si aprezou indicios de delito de suborno na aceitación dos regalos por parte de Feijóo, Alfonso Rueda -na súa calidade de vicepresidente da Xunta-, o ex deputado do PP no Pazo do Hórreo Alejandro Gómez e o ex ministro de Fomento José Blanco. Os “custosos obsequios” perseguían “propiciar unha boa relación co seu grupo empresarial e conseguir facilidades coas correspondentes administracións”.
Limiar penal
A partir de que limiar se considera que a recepción de regalos pode levar aparelladas responsabilidades de tipo penal? Para a xuíza instrutora do caso, 400 euros marcaría o límite entre os delitos patrimoniais leves e os menos leves.
Se descemos ao terreno da ética política, en xullo de 2014 -os regalos Feijóo recebeunos entre 2008 e 2013- a Xunta da Galiza aprobou un código ético que prohibe a recepción de presentes por parte de funcionarios e cargos públicos que, no caso de os receberen, teñen a obriga de os devolveren e, aliás, acompañados dunha nota por escrito en que se consigne explicitamente que o obsequio se rexeita por imperativo do código ético.
Os cargos contra Raúl López
Raúl López, dono de Monbus, foi detido en marzo de 2015 sob a acusación de branqueamento de capitais, tráfico de influencias e delitos contra a facenda pública. Na operación -que se enmarca na chamada Operación Cóndor- foron arrestadas outras nove persoas e nela, após rexistos en varios hoteis de Sansenxo, os funcionarios de Vixilancia Alfandangueira incautáronse dun millón de euros en efectivo.