Análise: a formación morada hexemoniza as listas de En Marea

Gañou Podemos

Non hai máis vencedor que Podemos. A 72 horas da proclamación dos candidatos de En Marea, a vitoria da formación morada é tan incontestábel como a derrota de Anova e de Esquerda Unida pero tamén das mareas locais, do candidato á presidencia da Xunta de Galiza Luís Villares e das propias primarias.

Cabezas de lista de En Marea
photo_camera Antón Sánchez, Luís Villares, Carmen Santos e Ánxeles Cuña

As dúbidas sobre a transparencia do proceso van en aumento, a pesar dos intentos por parte dos aparatos das forzas que a conforman de transmitir normalidade, primeiro polo feito de que os inscritos de En Marea e de Podemos votaron en distintas plataformas dixitais, non estando sometida a destes últimos ao control da comisión electoral da confluencia, en segundo lugar por esixirse distintas garantías nunhas e outras, os inscritos na plataforma podemita non tiñan que identificarse co documento de identidade e xa, por último con denuncias abertas de fraude, após afirmar varios adheridos ter votado máis dunha vez e mesmo con identidades falsas. 

O fracaso de Esquerda Unida é evidente. A formación de Alberto Garzón e de Iolanda Díaz verá minguada a súa representatividade e visibilidade no Parlamento de Galiza, en relación coa situación actual, acadando no mellor dos casos 3 deputados, o economista de CC OO Manuel Lago pola Coruña, a dramaturga Ánxeles Cuña por Ourense e a secretaria xeral do PCG Eva Solla por Pontevedra. Xoán Fajardo, actualmente deputado por Pontevedra, ocupará o decimo posto, afondando a fenda entre o sector de Alberto Garzón e de Cayo Lara, este grupo acusa os de Garzón de non apoiar Fajardo nas primarias. Outra fronte interna ábrese en Ferrol, feudo tradicional da organización que fica relegado nas listas de En Marea até o decimo posto, ocupado por Lorena Dapena. Segundo fontes da dirección de Esquerda Unida, ás que Sermos Galiza tivo acceso, o aparato de CC OO centrou en exclusiva os seus esforzos en garantir un posto no Hórreo a Manuel Lago.

A derrota de Anova non deixa lugar a dúbidas. A organización de Xosé Manuel Beiras non superará no mellor dos escenarios os 2 representantes

A derrota de Anova non deixa lugar a dúbidas. A organización de Xosé Manuel Beiras non superará no mellor dos escenarios os 2 representantes, trataríase de Antón Sánchez pola Coruña e David Rodríguez por Ourense, ficando fóra dos postos de saída nas listas de Pontevedra, onde Mariano Abalo se sitúa no oitavo posto, e de Lugo, onde si consigue colarse a antiga militante de Anova, actualmente afiliada a Cerna, Paula Verao, concelleira en Sober e persoa próxima a Luís Eyre “Palleiro”. As divisións dentro de Anova , que xa se evidenciaron coa presentación de listas confrontadas no procesos de primarias, acada un chanzo máis ao ficar fóra dos postos de saída de En Marea os candidatos próximos á FPG, moi molestos por non ter recibido en público o apoio de Beiras, que si solicitou o voto para Antón Sánchez e David Rodríguez. Anova, que nos últimos meses viu como abandonaban a organización destacados cadros e militantes, atópase cunha nova fronte interna provocada pola retirada do primeiro plano de Xosé Manuel Beiras, que até agora viña funcionando de árbitro entre as diversas partes, sendo moitas as voces internas que sinalan que “a organización atópase en tempo de desconto”.

Os alcaldes de En Marea fican nunha situación de debilidade. Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, non  consegue colocar en postos de saída ás súas apostas persoais. Martiño Noriega ve como a súa patrocinada Flora Miranda, compañeira do alcalde de Compostela desde a etapa universitaria nos CAF de Medicina, ocupa un lugar de recheo na mesma circunscrición. Outro tanto lle acontece ao alcalde de Ferrol, ao ficar relegada ao décimo posto Lorena Dapena, até o punto de que esta comarca non terá representación no Hórreo polas listas de En Marea. Á vista dos resultados das primarias resulta evidente que a influencia interna dos tres rexedores é moi inferior á que eles supoñían, destacando pola contra o peso de Podemos en Ferrol, A Coruña e Compostela, moi superior ao que se daba a entender. Outro tanto acontece co resto das candidaturas municipalistas que non conseguen facerse paso nas listas, sendo reseñábel o fracaso das persoas deste ámbito vinculados ao Foro Galego, como acontece coa boirense Dores Torrado, co mariñán Bernardo Fraga, coa marinense Sandra Pesqueira ou co compostelán Gonzalo Rodríguez.

Villares, ao fronte dun grupo parlamentar fragmentado e con maioría de Podemos 

Villares xa sabe que non vai dirixir o grupo parlamentario. O candidato á presidencia da Xunta de Galiza atoparase cun grupo parlamentario fortemente fragmentado pero cunha clara hexemonía de Podemos o que limita ao máximo a súa capacidade de influencia. O partido morado sitúa 3 persoas nos cinco primeiros postos da lista da Coruña, dúas delas vinculadas ao sector de Gomez Reino e unha ao de Carme Santos, e 4 persoas nos cinco primeiros postos da lista de Pontevedra, dúas delas vinculadas ao sector de Carme Santos, que encabeza a lista por Pontevedra, unha ao sector de Gomez Reino e unha terceira ao sector de Esquerda Anticapitalista, cuxa cabeza visíbel no Estado é a Andaluza Teresa Rodríguez, e que agrupa o sector troskista de Podemos. Neste contexto, xorddn dubidas entre sectores de En Marea sobre  a continuidade de Villares, no caso de non conseguir a Presidencia da Xunta, diante do horizonte dunha maioría absoluta do PP  e cun grupo parlamentario dividido.

Comentarios