Jorquera considera as municipais “unhas primarias” para unhas xerais "decisivas para Galiza"

O voceiro parlamentar do BNG asegura que existe “o risco” de quedar fóra da “reformulación do Estado” e por iso a súa formación non pode “diluírse” en candidaturas sen “dimensión de país”.

Jorquera
photo_camera Jorquera

Francisco Jorquera, voceiro parlamentar do BNG, asegurou nunha entrevista na Cadena Ser que as eleccións municipais do próximo mes de maio serán semellantes a “unhas primarias” das xerais que terán lugar, en principio, en novembro, e nas que o dirixente nacionalista considera “imprescindíbel” que Galiza “obteña representación das súas forzas propias para non perder o tren da reformulación do Estado que está no ambiente, e da que non podemos quedar por detrás de Catalunya e Euskadi, un risco que é real”. 

“O BNG ten un proxecto claro, nacionalista, que garante que a política galega non sexa un simple eco do que se fai en Madrid, por iso non cremos que sexa momento para cantonalismos, para candidaturas só locais, non podemos diluírnos en proxectos que non teñen unha dimensión de país, con Galiza no centro”, engadiu Jorquera, que tamén destacou que “os avatares daqueles grupos que decidiron deixar o Bloque demostran que mantemos a hexemonía dentro do campo nacionalista”.

"Na Cámara vémonos obrigados a poñer no seu sitio a Feijóo, que se pasa seis pobos", di o nacionalista

O voceiro parlamentar do BNG tamén defendeu a “claridade nas ofertas electorais”, que distinguiu da posibilidade de chegar a acordos “despois das eleccións coas forzas coas que poida existir unha coincidencia no programa”, segundo dixo após ser preguntado pola posibilidade de pactos con Podemos. 

Por último, Jorquera tamén manifestou que “Feijóo se pasa seis pobos” nas súas actuacións no Parlamento, o que obriga a “ter que pararlle os pés para facerse respectar”. “Temos que poñelo no seu sitio”, afirmou en relación ao tenso ambiente que se vive na Cámara galega.

Comentarios