En Marea permite que Villares e outros cargos institucionais poidan facer parte da súa Coordenadora

Non poderán sobrepasar o 20% dos integrantes do Consello das Mareas. O Plenario permite así que Luis Villares poida ser candidato e concorrer ás primarias.

Plenario de En Marea decembro de 2016
photo_camera Votación no Plenario de En Marea. Imaxe: @CompostelaAberta

O Plenario de En Marea que este sábado ten lugar en Compostela decidiu “por ampla maioría” que os cargos institucionais da formación poidan estar na Coordenadora Nacional, composta por 11 membros. Ábrese así a porta a que Luis Villares, portavoz no Parlamento de Galiza de En Marea, poida ser candidato nas primarias.Desde certos sectores non eran partidarios desa posibilidade, argumentando que era preferíbel unha maior pluralidade e evitar que unha mesma persoa representase responsabilidades 'institucionais' e 'políticas'. Esta postura, que nos últimos días fora apoiada por alcaldes como o da Coruña e Ferrol ou dirixentes de Esquerda Unida e de Podemos, non semella que callase no Plenario.

Os asistentes a esta cita optan porque os cargos institucionais si que poiden estar na máxima responsabilidade da formación. Mais non é un cheque en branco. Aqueles que teñan responsabilidades executivas nas organizacións políticas (secretarios xerais, portavoces... de Anova, EU, Podemos...) non poderán estar. E a presenza destes cargos institucionais non pode exceder o 20% dos 35 integrantes do Consello das Mareas, o órgano que elixirá os membros da Coordinadora tendo en conta a proporcionalidade dos resultados das candidaturas presentadas.

Entre os partidarios de que Villares lidere, tamén fóra do parlamento de Galiza, En Marea está Anova. Antes do inicio do Plenario, Xosé Manuel Beiras solicitou  “deixarse de caralladas” e “arroupar a Villares”. Beiras terciou así no debate aberto sobre liderato da formación e fíxoo con contundencia: “Eu estou decidido absolutamente a darlle todo o meu apoio e Anova tamén”, dixo.


 


 

Comentarios