A Marea propón unha xuntanza na Coruña do que cualifica como ‘’rede de concellos rebeldes’’

Sería unha reunión de ‘’iniciativas cidadás’’ de Galiza e o Estado, explicou Xulio Ferreiro, para falar do novo ciclo “e consolidar alianzas”.

Xulio Ferreiro Navarro Martiño
photo_camera Xulio Ferreiro, V. Navarro e M. Noriega

Xulio Ferreiro, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, apuntou esta quinta feira a intención de organizar na cidade unha xuntanza do que “temos chamado rede de concellos rebeldes, de iniciativas cidadás do país e do Estado, para falar do novo ciclo político que se abre e consolidar alianzas”.

A proposta foi apoiada “positivamente” por Martiño Noriega, de Compostela Aberta, que mantivo un encontro informal na Coruña con Ferreiro ao coincidir ambos os dous nunha conferencia de Vicenç Navarro na Facultade de Dereito da Coruña. Noriega considera “fundamental” os pasos para “tecer redes” e incidiu na coincidencia de MA e CA en ir alén “dun simple cambio de caras” para apostar no “cambio de políticas de fondo”. “Sabemos que o contexto non é favorábel, mais sóbranos ilusión”, afirmaron, salientando que ambas formacións coinciden e partillan propostas e códigos.

Imaxe tirada do twitter persoal de Xulio Ferreiro: @XulioFerreiro

Comentarios