Nas eleccións de 1979, a candidatura de Unidade Galega encabezada por Domingos Merino obtivo 5 concelleiros, un menos do que o PSdeG. A alcaldía foi para Domingos Merino, após un acordo nacional de Unidade Galega co PSOE, que obtivera en troca os bastóns de mando de Vigo e Ferrol. Unidade Galega foi a marca coa que concorreron naqueles comicios o Partido Obreiro Galego, o PSG e o Partido Galeguista. A capela ardente instalarase no Salón de Sesións do Pazo de María Pita esta quinta feira entre as 13.00 e as 20.00 horas, cando terá lugar un acto aberto para despedilo
Domingos Merino mantívose ao fronte do goberno municipal até 1981, ano en que prosperou unha moción de censura promovida pola UCD.
Foi, portanto, o primeiro alcalde da Coruña no actual réxime político, após a ditadura, e tamén o primeiro alcalde nacionalista da cidade.
Parlamentar no Pazo do Hórreo nas filas de Esquerda Galega na III lexislatura, pasou a integrar as do BNG -siglas coas que tamén foi deputado, nas lexislaturas V e VI do Parlamento galego- no momento en que Unidade Galega se sumou á fronte soberanista.
Persoa de talante afábel, tiña, alén da política, unha paixón, o xadrez, deporte-ciencia en que brillou até o ponto de alcanzar a categoría de maestro nacional. Nas filas do Deportivo (naquela altura o clube coruñés tiña sección de xadrez), Domingos Merino conquistou o campionato galego até en 5 ocasións e foi medalla de bronce no torneo estatal en 1972 e 1973.
O actual alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, dedicou palabras de lembranza a Merino ao coñecer a noticia do seu pasamento:
Fóisenos o alcalde Domingos Merino, con quen volveu a democracia ao Concello da Coruña. Chegou nun día alegre e histórico e trouxo a ilusión e a esperanza a unha cidade que debía ser un faro e un orgullo para Galicia. Déixanos nun día tristísimo. Grazas, Domingos, e até sempre. pic.twitter.com/6LY8AqjMxX
— Xulio Ferreiro (@XulioFerreiro) 31 xaneiro 2018
Se alguén coñece ben no plano político e humano Domingos Merino é Camilo Nogueira, con quen partillou militancia e labores de dirección.
Camilo Nogueira: "Era unha boa persoa. Un tanto reservado. Tiñamos unha confianza plena o un no outro"
En declaracións a Sermos, veladas pola emoción, Nogueira deixa este retrato de Domingos Merino: "Era moi boa persoa. Un tanto reservado. Tiñamos unha confianza plena o un no outro". "A nosa amizade viña xa desde o franquismo", afirma.
"Sofreu acometidas tremendas durante a etapa na alcaldía da Coruña. Viñamos dunha ditadura e os perdedores daquelas eleccións nunca llo perdoaron. El actuou con moita dignidade en todo momento", evoca.
Tamén Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, reaxiu nas redes perante a noticia do falecimento:
Recibo con tristeza a marcha de Domingos Merino. Quero lembralo como o home dialogante, sereno e honesto que foi. Un galego de nación que defendeu e amou o seu país: Galiza. Sempre na memoria amigo e compañeiro de loitas! pic.twitter.com/NKzwlFAu11
— Ana Pontón (@anaponton) 31 xaneiro 2018
A homenaxe de 2014
O BNG rendéralle homenaxe a Domingos Merino en 2014 co motivo do 35 aniversario da súa chegada á Alcaldía. O Bloque, por meio dun comunicado, lembra esta cuarta feira "o seu papel democratizador no concello coruñés abrindo as súas portas á participación cidadá, facilitando a súa asistencia con plenos vespertinos". Valoriza aínda o feito de ter sido "pioneiro na utilización da lingua galega no Pazo de María Pita".
O Bloque quer salientar que Domingos Merino foi "un deses políticos que sempre actuou en defensa do interese colectivo, con honestidade e rigor, para conseguir unha Galiza orgullosa do seu pasado e con futuro".