Múltiples voces no 6-D reivindican a “plena soberanía de Galiza”

A lectura dun manifesto pola independencia de Galiza diante do Parlamento foi outro dos actos que compuxeron a ampla mobilización que tivo lugar no país no día da Constitución española.  

indepes-crop
photo_camera Independentistas ante o Hórreo

No Hórreo, en Compostela, diante do Parlamento de Galiza, deuse lectura a un manifesto pola soberanía plena de Galiza, un dos moitos actos que tiveron lugar polo país en contra da Constitución española, cuxa aprobación celébrase de xeito oficial este 6 de decembro. 

Oito organizacións da esquerda soberanista apoiaron un manifesto cidadá no que perto de 400 persoas amosában o seu rexeitamento á Carta Magna do 78 así como da posíbel “segunda transición” que consideran que desde certos foros -moitos relacionados co poder- estase a preparar nestes tempos de colapso do modelo. A concentración perante o Parlamento naceu en rexime de auto-convocatoria polas persoas asinantes do manifesto.

A mobilización en auto-convocatoria xurdiu do impulso dun manifesto pola independencia asinado por perto de 400 persoas

AGIR, BRIGA, Causa Galiza, Ceivar, Coletivo Nacionalista de Marín, Mulheres Nacionalistas Galegas, NÓS-Unidade Popular e o Partido Comunista do Povo Galego son as organizacións que respaldan o texto do manifesto no que se afirma que “a única vía posíbel para abordar co vocación de superación definitiva as problemáticas socio-económicas, laborais, ambientais e identitarias, que aqueixan ao pobo galego segue a ser separarmonos definitivamente de España e conquistar a plena soberanía política”. 

“As e os independentistas tendemos as nosas mans a todos os sectores populares dispostos a confrontar a fraude en curso da Segunda Transición Española e por proa sen ambigüidades, sen duplos xogos e con honestidade face a conquista da plena capacidade de decisión e a independencia como pobo”, engade o manifesto.

Comentarios