Retroceso histórico do PP, resultado desigual do BNG e emerxencia das Mareas

Co 98,5% escrutado,o PP tería 35,8%, PSdeG o 26,3% e BNG, 12,9%. As forzas máis votadas nas 7 cidades: A Coruña (Marea Atlántica), Compostela (Compostela Aberta), Pontevedra (BNG), Ferrol (PP), Ourense (PP), Vigo (PSOE) e Lugo (PP)

Eleccións municipais

Os dados do Ministerio de Interior, co 97% escrutado, sinalan que o PP segue a ser a primeira forza en Galiza, cun 35,8% dos votos, caendo case 9 puntos a respecto de 2011. O PSdeG tería un 26,5% e o BNG un 12,8%. As forzas máis votadas nas 7 cidades co 90% escrutado: A Coruña (Marea Atlántica), Compostela (Compostela Aberta), Pontevedra (BNG), Ferrol (PP), Ourense (PP), Vigo (PSOE) e Lugo (PP).

(Preme no cadro para despregar o gráfico interactivo)

O PPdeG obtivo por volta de 520.000 votos, o PSdeG 384.000 e o BNG superou os 188.000 apoios nas urnas. Con case o 100% recontado, os populares terían 1.752 concelleiros en Galiza e 202 alcaldías, mentres que o PSdeG acadaría 1.045b edís e 78 rexedores. No que atinxe ao BNG-Asembleas Abertas, a formación nacionalista logrou 466 concelleir@s e 18 alcaldías.

A onda do cambio do mapa municipal parte da área urbana, principalmente de A Coruña e Compostela, onde as marés ou candidaturas municipalistas foron quen de despexar o PP das alcaldías. En Pontevedra, o BNG estivo á beira da maioría absoluta.
 

A CORUÑA 
Na cidade herculina a candidatura municipalista encabezada por Xulio Ferreiro obtivo 34.864 votos o que representa o 30,97% dos sufraxios emitidos válidos este domingo 24 de maio, co 94,34% escrutado. A Marea Atlántica foi a forza máis votada seguida de perto polo Partido Popular quen, igualando en número de escanos, conta con 34.760 votos (o 30,88%). O Partido Popular perde tres escanos e 20 mil votos.  

O PSdeG-PSOE de Mar Barcón queda como terceira forza política con 20.595 votos (18,30%), unha queda de máis de 10 mil votos a respeito dos resultados recollidos hai 4 anos. 

Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego perde 3 escanos e cae até os 6.448 votos (5,73%) e un único edil. 
 

COMPOSTELA
Da mesma maneira a candidatura liderada por Martiño Noríega, Compostela Aberta, obtivo --co 98% escrutado-- 10 edís e encabezará a nova corporación municipal na capital de Galiza. CA obtivo 16.327 votos (34,58%) e 10 escanos, un máis que o Partido Popular que fica con 15.869 sufraxios, cinco mil menos que hai 4 anos e sen 4 edís. 

Pola súa banda, o PSOE de Francisco Reyes cae á terceira posición con 6.919 (30,97%). O grupo socialista perde 8 mil votos e queda con 4 concelleir@s, cinco menos que no 2011. 

O BNG obtivo o apoio de 3.277 votantes (6,94%), tres mil votos menos que hai 4 anos. 
 

FERROL
O Partido Popular, o grande derrotado destas eleccións municipais, continúa a ser a forza política máis votada en Ferrol co 99% dos votos escrutados. A candidatura de Rey Varela ontivo 11.730 votos (36,10%), embora perder 3 mil sufraxios. 

Como segunda forza irrompe Ferrol en Común, a candidatura municipalista fíxose con 7.142 votos (21,98%) e 6 edís o que desbanca o PSOE que fica con 5.955 (18,33%). 

A candidatura do BNG encabezada por Iván Rivas fíxose con 2.432 sufraxios, cincocentos votos menos que nas pasadas eleccións. A listaxe nacionalista obtén 2 escanos e mantén a representación do 2011. 
 

VIGO
Maioría absolutísima para Abel Caballero en Vigo, que gobernará por terceira lexislatura, desta volta sen necesidade de pactos. Os socialistas conseguiron 17 das 27 concellerías, todos a costa do PP, que perdeu a metade dos votos e pasa de 11 a 7 con respecto a 2011. Caballero superou o 50% dos votos e afianza Vigo como bastión do PSdeG en Galiza. Seguirá o pleno con tres forzas, das 17 que se presentaban, pero cun cambio significativo. 


 

A outra sorpresa da xornada electoral foi o trasvase entre a Marea de Vigo e o BNG. A formación nacionalista sae da corporación viguesa e os tres postos que ocupaba pasan á plataforma cidadá, encabezada por Rubén Pérez, de Esquerda Unida. A Marea obtivo algo máis do 11% dos votos, mentres o BNG quedou a décimas do 5%. Os mesmos resultados de hai catro anos pero a inversa.
 
A participación foi do 60%, dous puntos inferior a 2011.

PONTEVEDRA  
O BNG manténse forte en Pontevedra. Miguel Anxo Fernández Lores queda a un paso da maioría absoluta, pero supera con folgura ao  PP como forza máis votada. Os nacionalistas gobernarán durante dúas décadas na cidade do Lérez. Obtiveron 12 concellerías das 25 que conforman a corporación, unha máis que en 2011, mentres que os populares perden miles de voto, e pasa de 11 a 7.


 
O PSOE mantén tres concelleiros, aínda que perde votos a favor da Marea de Pontevedra, que irrumpe no concello con dous representantes. Tamén entra na corporación Ciudadanos, que aproveitou o desplome dos populares para obter unha concellería. A participación caeu seis puntos respecto a 2011, cunha abstención de case o 40%.
 

LUGO
O PP foi a forza máis votada malia perder 7 mil votos pasando de 22.844 votos a 15.132 sufraxios. A listaxe de Jaime Castiñeira obtén 9 escanos seguido dos 8 edís obtidos polo PSOE de Orozco que cae en 6 mil votos pasando de 11 a 8 concelleir@s. 

Como terceira forza irrompe Lugo Novo con 5.379  votos seguido polos 2 edís que posuirá o BNG na vindeira corporación municipal. Ciudadanos obtén representación na cidade amurallada (2 escanos) e ACE-Esquerda Unida 1. 
 

OURENSE 
O Partido Popular foi a forza política máis votada na cidade das Burgas. A candidatura do ex-conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, obtivo 16.345 apoios e 10 escanos o que o deixa con 5 mil votos máis. 

A sorpresa deuna Democracia Ourensana que se torna segunda forza e 8 escanos pasando por diante do PSOE que fica con 6 edís e 10.070 sufraxios. Cae o BNG, que perde os seus 3 escanos que pasan a Ourense en Común

Comentarios