Como adiantaba Sermos Galiza a pasada semana, o grupo municipal do BNG denunciaba unha posíbel vulneración dos principios xerais de contratación administrativa, por parte do Concello de Santiago. As irregularidades foran detectadas por persoal técnico da admnistración local que sinalaron lazos familiares entre dúas das tres empresas.
Logo de se faceren públicas as sospeitas e seren revisados os informes de contratación, o grupo do Partido Popular botou atrás a proposta e decidiu abrir máis un procedemento. Para o voceiro municpal do BNG, Rubén Cela, “ante tantas evidencias e a denuncia pública do BNG, ao Goberno municipal do PP non lle quedou máis remedio que retirar todo". Así mesmo, o voceiro nacionalista sinalou que non se trata da primeira vez que acontecen irregularidades, pois as mesmas empresas foran convidadas nun proceso anterior en condicións idénticas.
@s edís nacionalistas, presentaran a pasada semana unha batería de preguntas á fin de que o equipo municipal esclarecese o acontecido. Neste senso, malia que o regulamento do Concello compostelán fixa 15 días para emitir unha resposta, desde o BNG aseguran non ter recibido ningunha polo que exixen ao alcalde explicacións pola suspensión do proceso.