Orzamentos 2015: aposta na austeridade e veto ás 1.295 emendas da oposición

O grupo popular aplica a ‘apisonadora’ no Parlamento para sacar adiante unhas contas ás que só admitiu unha achega dos outros grupos representantes na Cámara.

Galiza xa ten orzamentos para 2015, unhas contas aprobadas en solitario cos votos do PP e nas que os populares desbotaron 1.295 das 1.296 emendas presentadas pola oposición parlamentar. Só aceptaron unha, e de maneira transacionada. “O desprezo do PP polo debate parlamentario”, dixo o portavoz na Cámara do BNG, Francisco Jorquera, ficou unha vez máis de manifesto. Tanto a fronte nacionalista, como AGE, PSdeG ou Grupo Mixto entenden que estes orzamentos (8.436 millóns de euros, o que representa un levísimo incremento do 0,5% a respeito dos de 2013) non son os que precisa a sociedade galega.

Para o BNG, o Partido Popular continúa con “políticas de aparencias e propaganda” e desouvindo as recomendacións da oposición no Parlamento galego. “Non permitirán crear emprego nin saír da crise económica” sinalan.

Tamén AGE cargou duramente contra unhas contas que consideran que non son as que precisa Galiza, e que supeditan a cidadanía a “políticas austericidas”.

Pola súa parte, o portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, criticou esta terza feira que o goberno galego permaneza “alleo á realidade social e afastado das preocupacións da cidadanía.

Protestos

Mentres no Parlamento se debatía o tramo final dos Orzamentos, varios centos de persoas protestaban ás súas portas convocadas pola Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos contra os recortes programados para 2015. "Hai que recortar o Partido Popular", foi unha das palabras de orde da concentración, cánticos contra unhas contas que, sinalan, atacan o público.

Comentarios